Os días 11 e 12 de maio, no Palacio de Congresos de Santiago
O Foro de Innovación para o Emprego xestionará ao redor de cen ofertas laborais
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou este luns o Foro de Innovación para o Emprego 2017, que se celebrará no Palacio de Congresos os próximos 11 e 12 de maio.
O obxectivo principal do Foro de Innovación para o Emprego, que está organizado pola Axencia Local de Colocación de Santiago, é contribuír á dinamización do mercado de emprego, realizando accións de vinculación laboral directa e fomentando a xestión de novos postos de traballo, e ao mesmo tempo, favorecer a mellora das competencias e cualificacións profesionais das persoas demandantes de emprego e informar sobre recursos e ferramentas útiles para a busca activa de traballo.
O tema central desta edición serán os sectores da economía circular, opcións laborais baseadas no abandono do actual modelo produtivo centrado en producir, consumir e tirar, para pasar a un modelo onde os produtos usados se reutilizan e reaproveitan na maior medida posible ata esgotar a súa vida útil.
Actividades
O Foro da Innovación para o Emprego inclúe un amplo programa de actividades, entre as que se encontran máis de 40 obradoiros e relatorios, sesións de información e orientación, presentación de marca persoal, presentación de ideas innovadoras na Economía Circular, e presentacións de recursos e produtos innovadores para a procura de emprego por parte de máis de 25 empresas.
Ademais, no marco do Foro prevese a xestión de 100 ofertas laborais. Algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no propio Palacio de Congresos a persoas candidatas previamente convocadas.
Neste evento funcionarán arredor de dez postos de información e orientación sobre recursos e programas relacionados co emprego e xestionados polo Concello de Santiago e organizarase un circuíto de obradoiros para mellorar a marca e imaxe persoal.
No Foro abrirase tamén a 2ª convocatoria do Concurso de Ideas innovadoras para o Emprego, dotado con dous premios de 10.000 euros para a implementación dos proxectos gañadores.
Asemade, os interesados terán a ocasión de realizar presentación rápidas a empresas e servizos de consultoría e selección.