En Galicia hai 204.629 parados rexistrados

O paro baixou en abril en 5.427 persoas

O número de parados rexistrados nas oficinas dos Servizos Públicos de Emprego en Galicia baixou no mes de abril en 5.427 persoas, unha baixada do 2,58%, o que deixa en 204.629 a cifra de desempregados da nosa Comunidade.

O paro baixou en abril en 5.427 persoas

No conxunto de España o número de desempregados reduciuse en 129.281 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón a maior redución do paro rexistrado en toda a serie histórica en calquera mes. A cifra de parados queda en 3.573.036 persoas.

Por provincias, o paro descendeu no último mes especialmente en Pontevedra, un 3,57%, isto é, en 3.009 persoas, e en Lugo, un 3,19%, 676  persoas. O descenso na Coruña foi do 1,72%, 1.395 persoas, e en Ourense do 1,49%, 347 persoas.

Con respecto a abril de 2016, a caída do paro alcanza o 10,31% no conxunto de Galicia, 23.524 persoas menos inscritas nas listas do paro da nosa Comunidade. Por provincias, o maior descenso preséntao Ourense, un 10,71% (2.756 persoas), seguido de Pontevedra (un 10,45% menos, é dicir, 9.500 parados menos), A Coruña (unha redución do 10,12%, 8.977 desempregados menos) e Lugo (un 10,05% menos de parados, 2.291 menos).

Por sectores de actividade, en abril o paro baixou en especial no sector servizos, en 3.784 persoas, sendo a baixada na construcción de 774 persoas, na industria de 626 persoas e na agricultura de 272. No colectivo sen emprego anterior o paro incrementouse en 29 persoas.

Valoracións

Desde a Xunta de Galicia, a súa secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou estes datos destacando que o descenso continuado no número de desempregados demostra a recuperación económica que está a vivir Galicia. Toca explicou que estes datos sitúan á Comunidade en niveis de paro inferiores a hai 8 anos, a abril de 2009, e sinala que é a maior caída neste mes de toda a serie histórica, desde 1996, reducíndose, ademais, por cuarto ano consecutivo o desemprego neste mes.

A secretaria xeral salientou, ademais, que a calidade no emprego segue crecendo ao aumentar a contratación en xeral nun 9,05%, ao asinarse 6.150 contratos máis que en abril do pasado ano: a indefinida aumentou nun 5,35% e a tempo completo creceu nun 11,83%, catro puntos e medio máis que a tempo parcial. Ademais, Toca puxo en valor o incremento nas afiliacións nun 2,24% con respecto a hai un ano, sendo o maior crecemento nun mes de abril desde 2007.

Porén, desde os sindicatos non son tan optimistas. Para UGT- Galicia, estacionalidade e precariedade marcan os datos do paro de abril. O sindicato sinalou que o 70% da caída do desemprego dáse no sector servizos, polo impacto positivo da Semana Santa, e tan só o 8,37%V dos contratos son indefinidos.

Nunha liña similar, a CIG aludiu á temporalidade e á rotación do emprego como as principais características dun mercado laboral galego "cada vez máis precarizado". E exemplificábao con dous datos: en Galicia asináronse 74.091 contratos no mes de abril, pero o paro reduciuse só en 5.427 persoas.

E finalmente CCOO denunciou que a redución do paro vai ligada á creación de emprego en condicións «precarias e con data de caducidade». Desde o sindicato insistiron en que a falta de postos de traballo de calidade, especialmente pola elevada temporalidade, se está convertendo nun "problema crónico" en Galicia. 

O paro baixou en abril en 5.427 persoas