Facilitará a contratación de dez mil menores de 30 anos
A Xunta lanza un novo plan de emprego que combina formación e contratación
A Xunta de Galicia anunciou a posta en marcha dun novo programa que, cunha achega de 90 millóns de euros, impulsará a formación e a contratación de 10.000 menores de 30 anos.
Co obxectivo central de mellorar a capacitación dos mozos e abrirlles a porta de acceso ao mercado laboral, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, precisou que esta iniciativa pretende ademais: identificar saídas laborais para os novos perfís profesionais e as novas demandas do mercado; contar con profesionais cualificados en dous sectores clave para Galicia, como son a Industria 4.0 e a agroalimentación, axudar ao tecido empresarial galego a gañar competitividade e incentivar aos mozos a que queden a vivir e a traballar en Galicia.
O proxecto, que se vai desenvolver ata 2020, combinará dúas fases: formación e contratación. Na fase de formación, á que se destinarán 20 millóns de euros, financiarase o 100% dos cursos para desempregados menores de 30 anos, impartidos nos 12 centros de emprego da Xunta e no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago, no que se desenvolverán os cursos de especialización para a Industria 4.0.
Na fase de contratación, e co obxectivo de que as empresas conten cos mozos galegos e que estes se sigan formando mentres traballan, a Xunta creará 10.000 bonos de formación e contratación dotados con 7.000 euros cada un.
Sobre este punto, Feijóo precisou que cada un destes bonos contará cun incentivo de 5.000 euros para a empresa por cada mozo ou moza contratado por un período mínimo dun ano, e un bono de formación de 2.000 euros para que cada mozo poida seguir formándose no seo da empresa.
Selección de empresas participantes
Para elixir ás empresas participantes, a Administración autonómica realizará unha convocatoria aberta na que se terán en conta os seguintes criterios: estabilidade laboral -que máis do 60% dos empregados sexan indefinidos-; ter contratado con anterioridade a mozos menores de 30 anos, dispoñer de estratexia empresarial en materia de RSE e contar con certificacións neste eido ou plans de igualdade.
Durante a rolda de prensa tralo Consello da Xunta deste xoves, o presidente do Goberno galego afirmou que a dobre dimensión deste programa pioneiro, con formación e contratación, aumentará as habilidades e coñecementos de todos os participantes e axudaraos a dar os seus primeiros pasos no mercado laboral.
Feijóo concluíu afirmando que con este novo programa se dá un paso máis para consolidar a tendencia positiva reflectida na EPA e para reducir a taxa de desemprego dos mozos.