17ª edición do Foro de Emprego Tecnolóxico
Cita co mundo laboral para os enxeñeiros vigueses
Ata o venres o alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo (Industrial, Minas e Enerxía, e Telecomunicación) ten unha cita co mercado laboral grazas ao Foro Tecnolóxico do Emprego, que cumpre a súa 17ª edición.
Son tres días nos que entregar currículos, asistir a conferencias e workshops e, sobre todo, nos que intercambiar opinións sobre oportunidades profesionais e comezar a establecer contactos para o seu futuro laboral.
A apertura oficial do foro contou coa participación do reitor da Universidade, Salustiano Mato, así como da directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Natalia Caparrini; o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuíñas, e o subdirector da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, que arrouparon coa súa presenza a todo o equipo de organización do foro, un grupo de preto de cen estudantes capitaneados por Olalla Sánchez, da EE de Telecomunicación. “Nesta edición o que buscamos é seguir cumprindo as mesmas expectativas ca en anos anteriores e niso foi no que estivemos traballando”, admitiu Sánchez, nerviosa “porque son moitas cousas das que hai que estar pendentes”, pero satisfeita, “porque penso que fomos quen de ofrecer un programa interesante que nos vai axudar a saír máis preparados ao mundo laboral e tamén a perderlle o medo a ese primeiro achegamento ás empresas”, insistiu a alumna.
Na apertura, o reitor, Salustiano Mato fixo fincapé en que “o alumnado vigués foi pioneiro, hai xa 17 anos, dunha iniciativa que agora tentan tamén impulsar desde outras universidade da xeografía española e que, no noso caso, forma xa parte do ADN da Universidade”.
No foro están presentes 26 firmas, entre elas, Microsoft, R, Repsol, BorgWarner, Aluminios Cortizo, Balidea, Imatia, Deloitte, Schindler, Zemsanis, ou DQbito Ing. Biomédica, así como os colexios oficias, as principais asociacións sectoriais e centros tecnolóxicos como Gradiant.