Na anterior edición ofertáronse 1.324 postos de traballo

Cen empresas confirmadas para a II Feira Virtual de Emprego Finde.Eu

Máis de cen empresas procedentes de toda Europa participarán do 21 ao 24 de marzo na II edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro.

Cen empresas confirmadas para a II Feira Virtual de Emprego Finde.Eu

A expectativa das universidades organizadoras é superar os bos resultados que xa se acadaron na anterior edición, na que participaron 78 empresas que ofertaron 1.324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4.400 currículos. Daquel os perfís máis demandados foron os relacionados co sector TIC (o 32% das ofertas), e a enfermaría (o 25%).“No caso das TIC a demanda é moi alta tanto en España en Portugal coma no resto de países, mentres que no caso de enfermaría a demanda vén sobre todo do estranxeiro”, explicaba Alejandro Martínez, responsable da Área de Emprego da Universidade de Vigo.

Durante os catro días que dura a feira expositores de toda Europa terán a oportunidade de entrar en contacto virtual con máis de 60.000 estudantes e 110.000 titulados das tres universidades organizadoras, aos que hai que engadir os egresados doutras institucións de educación superior de toda Europa que estean a buscar un emprego, unha práctica ou mesmo unha oportunidade de investigación.

A versión presencial, en outubro

Ao igual ca en 2016, esta feira virtual completarase a finais de ano con dúas feiras presenciais, unha en Porto, que se celebrará do 17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes. Será unha nova oportunidade a estudantes e persoas tituladas de manter contacto directo con organizacións e empresas que demandan talento universitario. Serán catro xornadas nas que, tanto alumnado como egresados, poderán acceder a ofertas de emprego e de prácticas preprofesionais, bolsas, sesións informativas e talleres e, aqueles e aquelas que sexan seleccionados, á realización de entrevistas.


 

Cen empresas confirmadas para a II Feira Virtual de Emprego Finde.Eu