A empresa prepara o proceso concursal
CCOO denuncia a «mala fe empresarial» de Transportes Martínez Souto
O sector de estradas de CCOO de Galicia denuncia a «mala fe empresarial» de Transportes Martínez Souto, empresa que estaba a asumir a loxística do grupo PSA Vigo.
O sindicato repróchalle á Dirección da compañía o «ocultismo» sobre a situación económica e que «non dea a cara» ante o persoal. Proba desa «mala fe», entenden desde CCOO, é que nos últimos días Martínez Souto parou a actividade en todos os seus centros de traballo, decisión «que implica moita planificación, cando menos un ano para facela efectiva».
Desde CCOO instan tamén o grupo PSA a asumir responsabilidades polo cesamento das actividades de Martínez Souto. O sindicato critica os «criterios estritamente economicistas» das empresas contratistas, que acaban «provocando estes desastres sociais». Así mesmo, en tanto que parte contratante, Comisións defende que a multinacional francesa debe ter algún tipo de responsabilidade en relación co persoal do servizo externalizado, neste caso o loxístico.
O sindicato entende que a parada da actividade é o paso previo a que Transportes Martínez Souto solicite o proceso concursal. Ante esta situación, CCOO organizará asembleas con todo o persoal da empresa en Galicia. A primeira delas tivo lugar xa o pasado 17 de febreiro en Vigo, e nas próximas datas farase o mesmo en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo.
Transportes Souto, empresa familiar de orixe galega con 78 anos de historia, conta con 41 delegacións en toda a península, e un plantel que ronda os 600 traballadores.