O sindicato salienta a perda de poboación activa
CCOO publica unha radiografía do mercado de traballo en Galicia
Comisións Obreiras afirma que o mercado de traballo en Galicia está «enfermo» e ademais «encolle» pola falta de expectativas de emprego e porque os sectores produtivos estan «abandonados á súa sorte».
Así o afirmaron a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, e a economista do sindicato, Silvia Parga, na presentación da "Radiografía trimestral do mercado laboral galego".
Na presentación do estudo, Bouza explicou que o ano 2017 «non foi bo» en termos de emprego para Galicia, pois só se crearon 6.000 empregos, o que quere dicir que a redución do desemprego en 22.000 persoas foi principalmente «á custa da perda de 15.900 activas e activos. É dicir, o noso mercado laboral encóllese», lamentou a sindicalista. O documento presentado polo sindicato subliña que este fenómeno explica ata un 72 % do descenso do paro.
O pouco emprego creado foi de «baixísima calidade», igual que os contratos asinados. «A precariedade é a norma na contratación e a xornada parcial segue sendo involuntaria para a maioría das persoas obrigadas a aceptala», explicou Bouza.
A protección por desemprego atópase «en mínimos» e a maior parte é de tipo asistencial, malia que máis de 180.000 galegos e galegas están no desemprego. O elevado grao de pobreza aumentou durante a recesión e permanece en niveis previos á crise: en 66.100 fogares todos os seus membros activos están en desemprego e 32.600 onde non entra ningún tipo de ingreso a finais de 2017.
Canto ao PIB, sitúase en valores previos a crise, pero non vai acompañado da creación de emprego. Segundo a sindicalista, a recuperación «está sendo moi desigual e á custa dunhas condicións laborais precarias e uns salarios desvalorizados como consecuencia da reforma laboral».
Para mudar as cousas, CCOO aposta por cambiar o modelo produtivo, baseado en actividades que xeren e consoliden emprego de calidade e con dereitos, que freen a precariedade e a desigualdade. Aposta tamén por potenciar a negociación colectiva, pola mellora sostida dos salarios e por unha reforma fiscal progresiva que permita recuperar o investimento produtivo e aumentar os niveis de protección social, especialmente das persoas que padecen as consecuencias negativas da crise.
Previsións negativas
Na presentación do documento tamén interveu Silvia Parga, economista de CCOO. Debido á evolución dos indicadores laborais do 2017, subliñou que é «pouco probable» que o mercado laboral galego vaia a mellor. Esta previsión susténtase en varios datos negativos, o principal deles a desaceleración no ritmo de creación de emprego: só 6.200 novos postos de traballo nos últimos doce meses. Ademais, a taxa anual de creación de postos de traballo en Galicia (0,59 %) é moi inferior á media estatal (2,65 %).
A economista de CCOO insistiu en que os niveis de ocupación se recuperan máis devagar que a actividade económica: a economía galega mantén taxas de variación interanual iguais ou superiores ao 3 % desde o cuarto trimestre de 2015, pero o emprego só medrou un 0,59 % no último ano.
Por último, Parga lamentou que a recuperación do emprego está condicionada pola precariedade: hai moita xente traballando a xornada parcial (13,1 %), mais na meirande parte dos casos —case seis de cada dez— «non o fai por vontade propia, senón porque non lles queda outro remedio». A taxa de temporalidade incrementouse ata o 26,8 % e a rotación das persoas con contrato temporal é «esaxerada»: cada persoa asinou 4,2 contratos temporais e máis da metade dos contratos temporais iniciais de duración determinada son inferiores a unha semana.