O sindicato anima a todo o persoal afectado a solicitar con carácter retroactivo os salarios e cotizacións que lle correspondan
O TSXG dálle a razón a CCOO e obriga a realizar contratos mínimos de 25 horas semanais no sector de axuda a domicilio
A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia informa dunha «importantísima» sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga ás empresas do sector de axuda a domicilio a realizaren contratos de, como mínimo, 25 horas semanais de luns a sábados, ou de 24 nos casos de contratacións para fins de semana e festivos.
A resolución xudicial chega no marco dunha campaña de CCOO para mellorar as condicións de traballo nun sector, o da axuda a domicilio, «enormemente precarizado». Nos últimos anos, o sindicato vén defendendo «en solitario» un salario regularizable co IPC e xornadas mínimas no sector. Hai dous meses logrou que as retribucións se incrementen anualmente tomando como base o IPC do ano anterior; agora, unha sentenza «pioneira» pronúnciase sobre a duración mínima dos contratos.
A Federación de Construción e Servizos de CCOO calcula que os efectos da sentenza afectan a case o 98 % dos traballadores e traballadoras que realizan o seu labor ao abeiro de contratos públicos da Xunta, deputacións ou concellos, que deberán obrigar as concesionarias a adecuaren as contratacións, cotizacións e salarios ao disposto na resolución xudicial. Segundo o vixente convenio colectivo, só se poden formalizar contratos de inferior duración -mais superiores ás oito horas- no caso de que se atendan unicamente servizos nocturnos, rurais ou privados.
Segundo CCOO, na sentenza de referencia condénase a empresa Clece, concesionaria do servizo no municipio de Pontevedra, que deberá regularizar a situación de 47 das 81 traballadoras contratadas. Meses atrás, o sindicato, que conta coa totalidade de representación no comité, solicitáralle ao Concello a rescisión do contrato a Clece á vista dos incumprimentos laborais. A petición foi atendida e apartouse a concesionaria do servizo.
O sindicato anima as traballadoras e traballadores do ámbito a que acudan aos locais de Comisións para recibiren asesoramento sobre a forma de reclamar con carácter retroactivo os salarios e cotizacións á Seguridade Social que lles correspondan.
O secretario xeral de Construción e Servizos de CCOO, Sergio López, critica que «ata onde nós temos coñecemento, ningunha empresa cumpre totalmente o convenio». O sindicalista advirte as empresas incumpridoras das consecuencias desta actitude e lembra que, após as denuncias de Comisións, a Inspección de Traballo abriu expedientes sancionadores ás adxudicatarias do servizo en concellos como Ferrol, Narón, Pontedeume, Betanzos, Cambre, A Coruña, Sada, Arteixo, A Laracha, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo.