O gañador poderá utilizar durante un ano un espazo no viveiro de empresas de Lalín
A Deputación de Pontevedra premiará a mellor idea ou proxecto empresarial de Deza
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o 22 de febreiro o prazo de presentación das propostas para a mellor idea emprendedora ou proxecto empresarial da comarca do Deza.
O mellor proxecto recibirá como premio a cesión, durante o prazo dun ano, dun espazo libre nas instalacións do viveiro de empresas de Lalín, de titularidade provincial. Para participar neste concurso os interesados deben presentar unha instancia dirixida á Presidencia da Deputación de Pontevedra acompañada pola documentación requirida, publicada no BOPPO o pasado luns 22 de xaneiro
O premio ten por obxectivo incentivar as ideas emprendedoras e innovadoras, estimulando, asesorando e recoñecendo aquelas iniciativas empresarias viables que, aproveitando os recursos locais, promovan o autoemprego e a creación de postos de traballo e, á súa vez, sirvan para diversificar o tecido empresarial da provincia de Pontevedra e da comarca de Deza. Deste xeito, a persoa gañadora poderá gozar durante un ano dun espazo libre no viveiro de empresas do Polígono de Lalín 2000, cuxo prezo medio dunha oficina é de 1.350 euros e de nave entre os 9.400 e os 10.200 euros. Ademais, a iniciativa premiada será apoiada, asesorada, e guiada pola AED (Asociación de Empresarios do Deza) na súa posta en marcha do proxecto.
Tal e como sinalara Carmela Silva tras a aprobación das bases do concurso, "valorarase aquelas ideas de negocio ou proxectos empresariais iniciados con menos de 24 meses de antigüidade e que teñan un marcado carácter innovador, adecuados ao territorio e que queiran poñer en marcha e desenvolver na contorna empresarial onde se sitúa o viveiro de empresas de Lalín". Á hora de escoller o gañador ou gañadora analizarase a viabilidade técnica e económica da actividade, os postos de traballo xerados, o carácter innovador e a situación de desemprego das persoas promotoras.