Con accións centradas no emprego, na promoción da instalación e no Smartpeme
A Deputación pontevedresa presenta o plan de acción para o viveiro de Lalín
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, presentaron o plan de acción que a institución provincial desenvolveu para impulsar o viveiro de empresas da vila.
En liñas xerais, tal e como subliñou Carmela Silva, "este proxecto, no que levamos traballando dende maio, nace para potenciar o viveiro de Lalín e estender as nosas políticas de emprendemento e innovación tecnolóxica coa finalidade de apoiar ás pemes e aos sectores produtivos da comarca, principalmente ao primario, tan importante para O Deza e que está absolutamente abandonado pola administración autonómica e do Estado".
O plan de acción para o viveiro de Lalín ten por obxectivos principais a mellora da utilidade das instalacións e dos servizos prestados, incrementar o seu nivel de ocupación, convertelo nun referente e presentar un proxecto de uso sostible a longo prazo para as súas instalacións. Para acadalos, tal e como asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, establécense tres liñas de acción centradas no emprego, na propia promoción do viveiro e nun novo modelo de Smartpeme para a comarca.
En canto ao emprego, a Deputación desenvolverá na comarca un plan de emprego xuvenil, con accións formativas deseñadas e adaptadas ás necesidades das mozas e dos mozos de entre 18 e 30 anos no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil; o programa "DepoEmprende", aprobado pola Fundación Incyde e cofinanciado co Fondo Social Europeo, con 140 horas de formación en emprendemento; e o proxecto "DepoIntegra Xoven" que consta con dous itinerarios formativos co obxectivo de facilitar a empregabilidade da mocidade. M
En canto ás actividades propias centradas no viveiro, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que se vai impulsar unha campaña de promoción co obxectivo do fomentar o viveiro e captar novos emprendedores. Amais, tamén se vai optimizar a estrutura de xestión do propio espazo a través dun xerente, "unha persoa que -tal e como destacou Silva- lle dea un enfoque máis sectorial ao viveiro, centralizando nel todo o que ten que ver coa promoción do sector agrogandeiro así como impulsando a colaboración cos diferentes axentes clave da comarca do Deza". Outra das accións a acometer no viveiro é a mellora dos medios técnicos, a través dun proxecto de optimización no acceso aos medios de impresión e dixitalización así como un sistema de telefonía personalizado.
Asemade tamén se pretende "fomentar a aplicación das NTIC para facer que o sector agrogandeiro, o turístico, o da construción e o conxunto das grandes áreas económicas de Lalín, teñan instrumentos para ser máis competitivos a través dun novo modelo de Smartpeme en colaboración con todos os axentes clave da comarca do Deza e Tabeirós-Terra de Montes". Ao respecto, a presidenta provincial destacou que o vindeiro ano "imos dedicarlle 1.250.000 euros ao proxecto Smartpeme e Lalín vai ser un lugar clave, un dos centros máis potentes de Smartpeme, que vai dar servizo a máis do 61% das empresas agrogandeiras da provincia".
Pola súa banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, manifestou a súa satisfacción pola rapidez e boa vontade da institución provincial, "que leva traballando dende o mes de maio para poñer en marcha medidas para potenciar o viveiro, o que manifesta a interese da Deputación polas veciñas e veciños de Lalín".