"DepoEmprende II" e "DepoEmprende 2017"
A Deputación de Pontevedra divulga os seus programas de fomento do emprendemento en seis concellos da provincia
Os programas de fomento do emprendemento da Deputación de Pontevedra "DepoEmprende II" e "DepoEmprende 2017" serán presentados, entre o mércores 17 e o venres 19 de xaneiro, nun total de seis concellos da provincia: Cangas, Ponteareas, O Porriño, Barro, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
As persoas interesadas en asistir a estas xornadas de presentación deberán inscribirse a través dos formularios dispoñibles na páxina web da institución provincial.
De cada unha destas xornadas sairán 15 das persoas que participarán en cada un destes programas ata chegar ao total de 120 prazas para "DepoEmprende 2017" (destinadas a todas as persoas desempregadas, con prioridade a distintos colectivos) e 135 para "DepoEmprende II" (para menores de 30 anos).
O calendario de presentacións é o seguinte: o mércores 17 de xaneiro, en Cangas e Ponteareas presentarase o "DepoEmprende II"; o xoves 18, presentarase "DepoEmprende II" no Porriño e "DepoEmprende 2017" no Polígono de Barro; e o venres 19, presentaranse ambos os dous programas tanto na capital pontevedresa como en Vilagarcía de Arousa.
Formación para emprendedores
"DepoEmprende 2017", que conta cun orzamento de 393.129 euros, oferta 120 prazas para todas as persoas desempregadas da provincia, dando prioridade ás menores de 30 anos, ás mulleres, aos maiores de 45 anos, persoas con algunha diversidade funcional ou persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. A través deste proxecto impartiranse un total de oito accións formativas en seis localizacións da provincia: dúas en Pontevedra e Vigo e unha en Tui, Vilagarcía de Arousa e Barro. Estes obradoiros formativos teñen por obxectivo mellorar as capacidades das mozas e mozos que queiran ser emprendedoras e emprendedores, achegándolles formación e asesoramento e, por outro lado, loitando contra o despoboamento do medio rural da provincia fomentando a igualdade de oportunidades no acceso á formación.
Pola súa banda, "DepoEmprende II", cun orzamento que supera o medio millón de euros, oferta 135 prazas e está destinado a persoas desempregadas menores de 30 anos. A través deste proxecto impartiranse nove accións formativas: dúas en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e unha en Cangas, O Porriño e Ponteareas. Xunto a estas accións tamén se levará a cabo un obradoiro de motivación e promoción do emprendemento en cada unha das localizacións, nos que poderán participar ata un máximo de 150 persoas.
As persoas que finalicen os itinerarios de formación e que vaian formalizar o seu proxecto empresarial tamén poderán gozar de 15 horas de mentoring (5 presenciais e 10 en liña), durante catro meses.