Preto de 18 millóns de euros cofinanciados polo FEMP
A Consellería do Mar abre tres convocatorias de axudas á acuicultura
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria de 2019 de axudas para melloras no eido da acuicultura que fomenten unha actividade sustentable.
En concreto son tres liñas de axudas que teñen como obxecto apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico neste ámbito e a elas a Xunta destina preto de 18 millóns de euros.
A estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), poderán acollerse os bateeiros, as confrarías de pescadores e os acuicultores que promovan unha actividade sustentable.
A primeira das liñas conta con 16,5 millóns de euros e destínase aos investimentos produtivos. A través dela a Consellería do Mar poderá subvencionar, entre outros aspectos, actuacións para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector, incluíndo a adquisición de equipos. Tamén poderá subvencionar investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.
A segunda liña de subvencións é a destinada ao incremento da eficiencia enerxética e ao uso de fontes enerxías renovables e conta con máis de 1,2 millóns de euros.
A terceira e última liña de axudas é para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico e teñen como obxectivo mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e promover o respecto medioambiental. A esta última liña destínanse 95.000 euros.
Subvencións de ata o 30 ou o 50% dos investimentos
As achegas destinadas a investimentos produtivos e á eficiencia enerxética están dirixidas a todas as pequenas, medianas e grandes empresas mentres que das de asesoramento poderán beneficiarse microempresas e pemes. Estas liñas de axudas permitirán subvencionar ata o 50% das inversións que realicen as pemes ou microempresas –con menos de 250 empregados e cun volume de negocio anual igual ou inferior a 50 millóns de euros- e ata o 30% dos investimentos que realicen as compañías de maior tamaño.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de xaneiro.