Unha spin-off con orixe na Universidade de Vigo e dous equipos de investigación da USC, galardoados
Fállase a cuarta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia
A cuarta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia xa ten gañadores: tres proxectos de Insitu Enxeñería, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e o Departamento de Química Física da USC e a ecoetiqueta "pescaenverde".
Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia están promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar en próximas datas en Santiago de Compostela.
Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Insitu Enxeñería. Esta spin-off luguesa, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Universidade de Vigo en 2008, desenvolveu un sistema para a xestión das infraestruturas do transporte a partir de información xeorreferenciada de alta densidade e en formato tridimensional. A ferramenta resultante permítelle a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.
O software de Insitu opera no ámbito do Big Data, xa que é capaz de procesar enormes volumes de datos de carácter xeoespacial capturados sobre grandes infraestruturas de transporte a partir de sensores móbiles láser e de imaxe. As técnicas Big Data permiten procesar os datos de xeito automático para ofrecérllelos aos usuarios de maneira sinxela, visual e intuitiva, co obxectivo de facilitar a toma de decisións sobre a planificación e a optimización dos recursos nas vías.
Na actualidade, o software está sendo utilizado por administracións públicas e grandes empresas españolas e fixo posible a saída de Insitu ao mercado exterior. A comercialización da tecnoloxía galardoada permitiulle á empresa quintuplicar a súa facturación e pasar de 20 a 30 traballadores no prazo de dous anos.
Premio ao mellor traballo dun grupo de investigación
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago.
O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensible que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos. O sensor, bautizado como NTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico.
O proxecto levouse a cabo co financiamento do programa de proba de concepto do European Research Council (ERC) e deu lugar a unha patente internacional. Os seus promotores buscan agora asinar un contrato de transferencia entre a USC e unha compañía líder neste ámbito.
Mención especial a "pescaenverde"
O xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta “pescaenverde”. O equipo formado por Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira, Ina Vázquez e Pedro Villanueva, do Departamento de Enxeñería Química da USC, foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que lle achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente.
A marca de garantía pescaenverde ten asociado un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. Tamén mide a taxa de retorno enerxético, que establece a relación entre a a cantidade de enerxía calórica subministrada polo peixe e a requirida para a súa posta en circulación ata a que chega ao consumidor.
A ecoetiqueta, patentada a nivel internacional, foi incorporada por primeira vez o pasado mes de xullo na lonxa de Portonovo, certificando a ustentabilidade dunha partida de pescada. A día de hoxe é a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que cuantifica o impacto no cambio climático.