A convocatoria está aberta ata o 29 de xuño
A Real Academia Galega de Ciencias e a Gain convocan os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta, abre ata o 29 de xuño o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2017, que están dirixidos a grupos de investigación, pemes e grandes empresas.
A RAGC e a Gain colaboran na organización deste certame, que chega á súa terceira edición, baixo a premisa de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo é unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Os galardóns están dotados con 28.000 euros.
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascende a 6.000 euros netos, aos que se suma unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.
As dúas modalidades empresariais buscan os casos de éxito máis representantivos de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. A primeira delas vai dirixida ás pemes galegas (incluíndo as micropemes) que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascende a 12.000 euros netos.
No caso das grandes empresas, o premio toma como referencia os mesmos méritos que se valoran nas pemes, coa diferencia de que o premio para a empresa ten carácter honorífico e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.