Visita ao edificio Emprendia
A directora da Gain e o do Igape coñecen as iniciativas de emprendemento e transferencia de coñecemento da USC
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes, visitaron este xoves o edificio Emprendia da Universidade de Santiago para coñecer as iniciativas de emprendemento e transferencia de coñecemento da universidade compostelá.
Acompañados do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, e do director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, J. Luis Villaverde, Argerey e Cividanes coñeceron de primeira man distintos produtos e servizos derivados de liñas de traballo de grupos de investigación que exemplifican o labor da USC en transferencia de coñecemento ao tecido empresarial e o compromiso da institución co fomento do emprendemento entre a comunidade universitaria.
Patricia Argerey e Juan Cividanes tiveron a oportunidade de coñecer produtos como a vacina para a colibacilose porcina máis vendida do sector (Colidex) ou a crema hidratante Salvora, feita con extracto de algas mariñas da costa galega. Tamén tiveron a posibilidade de comprobar as singularidades de Fibermec, un derivado do residuo da lousa cunha alta resistencia a ataques químicos, unha elevada resistencia á tracción e elasticidade, ademais dunha óptima capacidade de illamento térmico, eléctrico e acústica.
Outra das solucións actualmente dispoñibles no mercado que se lle mostraron aos directores xerais foi un servizo de gamificación, proceso que incorpora técnicas de xogo ás experiencias, servizos e produtos co obxecto de motivar a participación, compromiso e fidelización. Este é o ámbito de traballo de Imagames, unha spin-off que conta cunha licenza para comercializar servizos baseados en coñecementos desenvolvidos no CiTIUS.
O percorrido por Emprendia completouse coa visita ás instalacións das spin-off Situm (que comercializa sistemas de xeolocalización en interiores), Dart (dedicada á fabricación de instrumentos de control en radioterapia) e HGBeyond, (lentes de contacto con capacidade para liberar fármacos a través da mucosa do ollo). Finalmente, a comitiva participou tamén nunha presentación do ecosistema de innovación da USC, con especial atención ás unidades, infraestruturas e programas que fan posible este proceso de transferencia de coñecemento dende a USC á sociedade.