Ofrece produtos específicos para estes colectivos
Abanca amosa o seu compromiso co sector pesqueiro renovando os acordos con Orpagu e Armadores de Marín
Abanca vén de renovar o seu convenio de colaboración coa Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) e coa Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Marín, que dá resposta ás demandas de ambos colectivos e ofrece ao colectivo vantaxes nos produtos financieros da entidade.
O presidente dos palangreiros guardeses, Joaquín Cadilla, e o director de zona de Abanca en Condado/Baixomiño, Martín Blanco, renovaron un acordo que evidencia o compromiso da entidade bancaria coa pesca e co tecido produtivo galego.
O convenio pretende servir de axuda aos mariñeiros desta variedade na Guarda para afrontar novos períodos de estacionalidade e a falta de capturas. Deste xeito, Abanca pon a disposición deste colectivo unha póliza de crédito específica, con xuros moi baixos, pensada para facer fronte á falta puntual de ingresos. Os profesionais poderán cancelar o produto no momento que perciban as subvencións ou prestacións polo paro biolóxico.
Acordo cos armadores de Marín
O presidente da Asociación de Armadores de Buques de Pesca de Marín, Claudino González Covelo, e o director de zona de Abanca en Pontevedra Cidade, José Luis Ramírez Matos, rubricaron un novo acordo que reforza o compromiso da entidade financeira co sector pesqueiro galego. No acto tamén participou o director de Abanca Mar, Javier Fraga.
O convenio asinado permite aos armadores acceder a toda a oferta especializada de Abanca para o sector pesqueiro. De maneira particular pon a disposición dos asociados a hipoteca naval, un produto especificamente pensado para o financiamento de buques ou outro tipo de embarcacións vinculadas á actividade económica do sector. Esta alternativa de crédito ofrece importes elevados, un prazo de amortización amplo e opcións e carencias.
Ademais, os profesionais poderán acceder a outras alternativas como pólizas de crédito con xuros moi baixos pensada para facer fronte á falta puntual de ingresos do colectivo.
Oferta para o sector pesqueiro
Palangreiros e armadores tamén terán á súa disposición toda a oferta específica que o banco habilita para o sector pesqueiro, como préstamos persoais sen comisións de estudo, amortización e cancelación anticipada, liñas de comercio exterior, anticipos, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial. Do mesmo xeito, Abanca ofrece aos pescadores cobertura de prezos sobre gasóleo, que permite fixar ou limitar o prezos futuros do gasóleo, eliminando a incerteza do mercado e o risco de subida de prezos.
O protocolo tamén pon a disposición destes profesionais liñas de financiamento especial gracias ao Plan Activamos. Así, os interesados poderán dirixirse ás oficinas da entidade para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Pontevedra.
Do mesmo xeito, estes mariñeiros da Guarda poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e Igape, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo. Así mesmo, poderán beneficiarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de Abanca.
Abanca Mar
Este acordo con Orpagu únese a outros asinados por Abanca nos últimos anos con diversas organizacións do sector pesqueiro galego e fortalece o compromiso do banco coas comarcas costeiras. Un apoio que se viu reforzado en 2016 cando o banco creou Abanca Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva.