Cinco novos ocupantes

O viveiro de Barro, ao 70% de ocupación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de asinar cinco novos convenios con empresas para ocupar tres naves e dúas oficinas no viveiro de Barro, chegando xunto coa solicitudes xa tramitadas a unha ocupación do setenta por cento da totalidade dos espazos dispoñibles.

 

O viveiro de Barro, ao 70% de ocupación
Carmela Silva cos novos viveiristas de Barro.
Carmela Silva cos novos viveiristas de Barro.

Das 16 naves que compoñen o viveiro de Barro na actualidade están ocupadas once delas máis tres que están xa solicitadas polo que a dispoñibilidade é de só dúas naves libre. A ocupación de naves é do 87,5% No que respecta a oficinas, a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que das 24 que ten o viveiro, están ocupadas doce e dúas xa están comprometidas, quedando libres só dez espazos. A ocupación é do 58,3% da superficie das oficinas.

Carmela Silva mostrouse moi esperanzada dunha rápida ocupación da totalidade do viveiro xa que todas as empresas destacan a localización de Barro como fundamental para a súa instalación.“Cremos que antes de que remate este semestre de 2017 a totalidade das naves estean ocupadas e un gran número das oficinas tamén”, destacou Silva.

“Para min esta firma de convenios – continuou Silva– é unha gran noticia porque estamos a falar de creación de empresas, de actividade económica e de creación de empregos”.

Por último a presidenta da Administración provincial subliñou que a gran demanda que está a sufrir o viveiro demostra a reactivación da actividade empresarial e “dunha situación económica de crise que está quedando no pasado aínda que moitas persoas no seu día a día non o estar a notar e a están a padecer con moita crueldade pero, é certo, que se está a ver movemento económico que é unha boa noticia”.

O viveiro de Barro, ao 70% de ocupación