Con emprendedores e empresas de acollida galegas
O programa “Erasmus para mozos emprendedores” da Cámara compostelá rexistra 39 intercambios transnacionais
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de entregar os diplomas aos emprendedores e empresarios participantes no proxecto Ipeye2 do programa europeo “Erasmus para mozos emprendedores”.
A Cámara santiaguesa actuou neste consorcio, que finalizará o 31 de xaneiro, como organismo intermediario xunto a outros sete países. No proxecto, destinado a incentivar o intercambio de experiencias e coñecementos entre persoas emprendedoras de toda Europa, a Cámara realizou 39 intercambios, facilitando a saída de 18 emprendedores galegos a diversos países europeos –Portugal, Reino Unido, Italia, Grecia, Bélxica, Holanda, Dinamarca e Francia– e rexistrando como empresas de acollida a 19 firmas galegas, das cales dúas delas repetiron experiencia. As empresas galegas recibiron a emprendedores de países tan dispares como Romanía, Lituania, Serbia, Albania ou Armenia, entre outros. “Somos a primeira entidade en Europa en número de rexistros e a cuarta en número de relacións, dun total de 131 entidades pertencentes a 27 países”, afirmou a técnico do departamento de Proxectos Europeos da Cámara, Belén Mendoza.
O obxecto do proxecto Ipeye2 é que os novos emprendedores aprendan da man doutras experiencias máis expertas, e que a súa vez os empresarios experimentados poidan beneficiarse dos novos coñecementos, técnicas ou visión dos recentemente chegados ao mundo empresarial ou ao seu sector. Neste punto, a Cámara de Santiago axuda na selección e ubicación de mozos e mozas emprendedores –noveis ou potenciais emprendedores–, cun plan de negocio viable para que adquiran as habilidades necesarias e poidan crear ou dirixir con éxito unha pequena ou mediana empresa en Europa. Belén Mendoza sinalou que o proxecto facilitará e mellorará a “mobilidade” dos novos emprendedores e posibilitará a participación de empresarios experimentados como empresas de “acollida”.
No caso de emprendedores noveis ou potenciais emprendedores, Belén Mendoza destacou que, para optar a esta axuda que varía de contía segundo o país de destino, é preciso que a empresa non teña máis de tres anos de constitución, que o emprendedor fale polo menos un segundo idioma e que sexa residente permanente nun dos 37 países participantes no programa. “O emprendedor deberá estar motivado e comprometido a colaborar cun empresario doutro país participante durante a estancia para contribuír ao desenvolvemento do seu negocio e poñer a súa disposición as súas habilidades e competencias”, apuntou Mendoza.
O programa tamén ofrece vantaxes ás empresas locais de Santiago e do resto de Galicia ao poder validarse como empresas de acollida, sen ningún coste. Permite aos novos emprendedores adquirir e intercambiar coñecementos e ideas de negocio con empresarios experimentados, con máis de tres anos de experiencia, con quen convivirán e colaborarán durante períodos de entre un e seis meses. “Os empresarios traballarán cun novo emprendedor cheo de enerxía e motivado que pode aportar a seu negocio ideas innovadoras, novas habilidades e coñecementos, beneficiándose dunha nova visión do seu negocio e dos coñecementos especializados que o novo emprendedor poida ter e que o empresario non domine” –subliñou a técnico–.
Ao fronte dun consorcio composto por dez entidades europeas
Tralo éxito e os excelentes resultados da Cámara no proxecto Ipeye2, a Comisión Europea decidiu que a entidade compostelá liderará un novo consorcio, Seek, composto por dez entidades europeas (entidades de Grecia, Italia, Chipre, Albania, Portugal, Malta, Reino Unido e Ucraína, ademais de España representada pola Cámara de Santiago). Comezará a executarse a partir do 1 de febreiro e estenderase ata o 31 de xaneiro de 2020.
O novo proxecto continúa a estela da convocatoria anterior, apoiando e emprendemento e o crecemento empresarial por medio da posta en común e o intercambio de experiencias e coñecementos entre os seus participantes. A Cámara deberá realizar para este novo período un total de 55 rexistros de empresas e emprendedores e conseguir 32 relacións concluídas con éxito.