Convenio de apoio ao emprendemento
Abanca e a Cámara de Santiago becarán a estancia de tres emprendedores no viveiro de empresas de Costa Vella
O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director de Negocio Institucional en Galicia, Asturias e León de Abanca, Lino Comesaña, asinaron un convenio de colaboración de apoio ao emprendemento.
Grazas a este acordo, Cámara e Abanca becarán a estancia de tres emprendedores durante un ano no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella. Durante este tempo, os elixidos recibirán unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver un plan de empresa, con axuda das ferramentas de xestión necesarias e o asesoramento dos técnicos de creación de empresas da Cámara de Comercio. Unha completa proposta teórico-práctica que ten como obxectivo final poñer en marcha e garantir a viabilidade do proxecto empresarial.
A sinatura do convenio tamén serviu para prorrogar a colaboración das dúas entidades. Un traballo conxunto que pon en valor as iniciativas desenvolvidas no último ano e que impulsa o apoio ao tecido produtivo da capital autonómica.
Segundo este acordo, Abanca oferta a través do convenio unhas condicións financeiras preferentes para todos aqueles emprendedores que se atopen instalados na incubadora de empresas a través do Plan Activamos coas Deputacións galegas. Poderán solicitar un préstamo para emprendedores, un préstamo para novos investimentos, un préstamo para actuacións de mellora da eficiencia enerxética na empresa, unha póliza de crédito de creación de empresas ou unha póliza de crédito para necesidades de circulante.