"Erasmus para mozos emprendedores"
A Cámara de Santiago presenta aos artesáns galegos un programa europeo que facilita a “mobilidade” de novos emprendedores
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela informou aos profesionais da artesanía galega sobre o programa europeo “Erasmus para Mozos Emprendedores".
O secretario Xeral da Cámara, Fernando Barros, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, presentaron o acto, no que a responsable do departamento de Proxectos Europeos da Cámara de Comercio, Belén Mendoza, explicou os detalles do programa. A Cámara compostelá actúa como organismo intermediario xunto a outros sete países, destinado a incentivar o intercambio de experiencias e coñecementos entre persoas emprendedoras de toda Europa. O obxecto é que os novos emprendedores aprendan da man doutras experiencias máis expertas, e que a súa vez os empresarios experimentados poidan beneficiarse dos novos coñecementos, técnicas ou visión dos recén chegados ao mundo empresarial ou ao seu sector.
A Cámara de Santiago axuda na selección e ubicación de mozos e mozas emprendedores –noveis ou potenciais emprendedores–, cun plan de negocio viable para que adquiran as habilidades necesarias e poidan crear ou dirixir con éxito unha pequena ou mediana empresa en Europa. Belén Mendoza sinalou que o proxecto facilitará e mellorará a “mobilidade” dos novos emprendedores e posibilitará a participación de empresarios experimentados como empresas de “acollida”.
No caso de emprendedores noveis ou potenciais emprendedores, Belén Mendoza destacou que, para optar a esta axuda que varía de cuantía segundo o país de destino, é preciso que a empresa non teña máis de tres anos de constitución, que o emprendedor fale polo menos un segundo idioma e que sexa residente permanente nun dos 37 países participantes no programa. “O emprendedor deberá estar motivado e comprometido a colaborar cun empresario doutro país participante durante a estancia para contribuír ao desenvolvemento do seu negocio e poñer a súa disposición as súas habilidades e competencias” –apuntou Mendoza–.
Unha nova “visión” do negocio
O programa tamén ofrece vantaxes ás empresas locais de Santiago e do resto de Galicia ao poder validarse como empresas de acollida, sen ningún coste. Permite aos novos emprendedores adquirir e intercambiar coñecementos e ideas de negocio con empresarios experimentados, con máis de tres anos de experiencia, con quen convivirán e colaborarán durante períodos de entre un e seis meses.
“Os empresarios traballarán cun novo emprendedor cheo de enerxía e motivado que pode aportar a seu negocio ideas innovadoras, novas habilidades e coñecementos, beneficiándose dunha nova visión do seu negocio e dos coñecementos especializados que o novo emprendedor poida ter e que o empresario non domine” –suliñou a técnico.
A experencia dunha emprendedora
Ademais, a emprendedora viguesa Sandra Touza ofreceu o seu testemuño na xornada relatando a súa experiencia noutra edición do programa e o seu intercambio de coñecementos co mentor empresarial. Cunha empresa de nova creación centrada no sector do turismo, Sandra Touza pretende reforzar a presenza empresarial de “Ponle cara al turismo” e decide participar en 2013 no programa europeo. Viaxa a Alemaña para establecer contacto cunha empresaria experimentada nos sectores da hostalería, restauración, turismo, servizos de asistencia ao viaxeiro e benestar, Ulrich Schmunkamp.
Segundo Touza, a empresa de acollida, chamada "The Dollard Route" e adicada á comercialización de viaxes e experiencias en barco polo río Dollard, facilitoulle a formación emprendedora, empresarial, institucional e comercial desde o primeiro momento, con acompañamento en cada proxecto. “Esta experiencia foi fundamental para poder coñecer máis de cerca o percorrido da outra empresa a nivel internacional e ir incorporando estratexias, metodoloxías e competencias a miña propia experiencia como emprendedora e empresaria” –sinalou–.
Definitivamente, Sandra Touza considera que o programa é unha plataforma idónea para dar a coñecer ás empresas participantes a nivel internacional, conseguir contactos a nivel europeo, ofrecer visibilidade e promoción, e crecer a nivel profesional e persoal. “Xeramos oportunidades empresariais con Holanda, concretamente con touroperadores especializados e axencias de viaxes cunha filosofía responsable, sostible e que apoian outra forma de facer turismo buscando a implicación do viaxeiro no destino a través de actividades de integración e participación” –indicou.
Hoxe en día “Ponle Cara al Turismo” é unha das consultoras de referencia do turismo creativo e industrial en España, realizando proxectos de dinamización e desenvolvemento local por todo o territorio nacional para institucións, concellos e empresas.