A través dos programas DepoEmprende
A Deputación de Pontevedra promove a cultura emprendedora nos centros educativos da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases da edición 2018-2019 dos programas“DepoEmprende na Escola”, “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na FP”.
A Deputación de Pontevedra realiza unha convocatoria aos centros educativos públicos da provincia para participar nas modalidades dos diferentes proxectos de fomento da cultura emprendedora no ámbito escolar.
Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo,DepoEmprende tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.
Máis polo miúdo, “DepoEmprende na Escola” é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º ou 6.º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, “DepoEmprende na ESO” diríxese a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3.º e 4º da ESO) que estuden a materia Iniciativa Emprendedora. E “DepoEmprende na FP” está dirixido fundamentalmente ao alumnado que estude a modalidade de Empresa Iniciativa Empresarial EIE ou/e Simulación Empresarial.
Os centros serán elixidos atendendo á súa puntuación e o número máximo de seleccionados serán 15 centros na modalidade “DepoEmprende na Escola”, oito en “DepoEmprende na ESO” e tamén oito na modalidade de “DepoEmprende na FP”.
As solicitudes de presentación desta convocatoria deberán realizarse seguindo o modelo de solicitude que estará dispoñible na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 15 de xullo.