Programa "Depoemprende na ESO e na FP"
500 estudantes pontevedreses coñecen as potencialidades do sector agroforestal como saída profesional
A Deputación de Pontevedra vén de organizar en oito centros educativos da provincia charlas formativas destinadas a promocionar o sector agroforestal e a explicar as potencialidades que pode ter este sector como oportunidade laboral.
En total, participaron nestas accións formativas máis de 500 estudantes de centros educativos dos concellos de Cangas (IES Rodeira), As Neves (EFA Cancela), Pontevedra (IES Luis Seoane e CFEA Lourizán), Silleda (IES Pintor Colmeiro) e Vigo (IES A Guía, IES Ricardo Mella e IES Daniel Castelao) que están a participar nos programas de “Depoemprende na ESO e na FP”.
“Aposta ao verde”, enmarcado no proxecto de fomento da cultura emprendedora “Depoemprende na ESO e na FP”, impulsado pola Deputación de Pontevedra, serviu como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia. Así, o alumnado puido coñecer a situación actual do sector agroforestal da comarca na que se atopa o centro educativo no que estudan e as potencialidades do sector en termos económicos e de emprego. Amais, tamén puideron coñecer, de primeira man, “plans de viabilidade tipo” para os diferentes tipos de actividade, analizando exemplos concretos o máis próximos posibles de casos reais de profesionais que viven hoxe en día desta actividade.