Con visitas ao seu viveiro de empresas
Máis de 130 estudantes asisten esta semana ás xornadas de fomento do espírito emprendedor cooperativo da Cámara de Santiago
A Cámara de Comercio de Santiago inicia esta semana o programa de xornadas de fomento do espírito emprededor, cofinanciadas pola Xunta de Galicia no marco da Rede Eusumo.
O obxecto das charlas é contribuír ao desenvolvemento das calidades persoais relacionados co emprendedor desde idades temperás; fomentar as iniciativas emprendedoras desde o ámbito educativo; e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como una alternativa laboral digna e viable. Ademais, as xornadas están destinadas a transmitir valores empresariais e cooperativos vinculados á economía social, e dar a coñecer as cooperativas e sociedades laborais como formas xurídicas idóneas para a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos empresariais. O persoal técnico da Cámara de Comercio impartirá as charlas divulgativas nos centros escolares e dirixirá as visitas ao viveiro de empresas cameral, situado no Polígono de Costa Vella.
Nesta semana pasarán polo viveiro de empresas da Cámara compostelá alumnado de Bacharelato, ESO e FP dos institutos de Melide, Brión e Negreira; ademais, un técnico cameral desprazarase ata o IES de Melide para dar unha charla divulgativa sobre autoemprego e cooperatismo. En total participarán nestas actividades máis de 130 estudantes.