A norma ISO 9001:2015 será obrigatoria a partir de setembro de 2018
A Cámara compostelá organiza un taller sobre a adecuación do sistema de xestión das empresas á norma de calidade ISO
A Cámara de Comercio de Santiago organiza o 19 de abril un taller gratuíto sobre a adecuación do sistema de xestión á norma de calidade ISO 9001:2015, que será impartido por Carmen Ripamonti, consultora do Grupo CEI.
A norma ISO 9001:2015 será obrigatoria a partir de setembro de 2018 e todas as empresas certificadas coa versión do 2008 terán que realizar o cambio antes desta data límite. Para facilitar a substitución da norma ISO 9001:2008 foi preciso un período de adaptación que se fixou entre setembro de 2015 e marzo 2017.
Ademais, a nova norma será de obrigado cumprimento para os novos certificados e desde o pasado marzo toda auditoría inicial realizarase conforme á versión do 2015. Igualmente será obrigatorio para as empresas xa certificadas, posto que a partir de setembro de 2018 todas as empresas deberán ter realizada a súa auditoría de certificación segundo a nova norma.
No taller falarase da evolución do encauzamento da calidade, tanto do control do produto como da xestión integral da calidade ou calidade total. Tamén se fará balance das normas ISO anteriores, desde a norma ISO 9001:1987 ata a actualidade. Esta nova norma ISO 9001:2015 é unha gran renovación e adáptase ás novas necesidades das organizacións.
Carmen Ripamonti sinala que a nova versión define o contexto da empresa e as partes interesadas, demostrando o liderado mediante a responsabilidade do sistema de xestión da calidade, aliñando obxectivos coa estratexia da empresa. Un dos conceptos novos que se destacará no taller é a avaliación de ricos e oportunidades, xa que a nova versión require dun mellor control de todos os procesos, conta cun deseño e desenvolvemento ao detalle, e dispón dun maior control de proveedores externos, o que se coñece como controis externos de procesos, produtos e servizos. “A nova norma destaca por un enfoque baseado en riscos de procesos, liderado e planificación, onde se definan os procesos de forma ordenada e clara, con información documentada e bens e servizos”, explica a consultora.
O obradoiro desenvolverase o mércores 19 de abril na sede cameral, entre 10 e 11:30 horas.