Xa van tres xornadas de folga
A folga do sector do metal da Coruña esténdese aos días 13, 20 e 27 de xullo
Os traballadores do sector siderometalúrxico da provincia da Coruña acordaron en asembleas ampliar a convocatoria de folga a tres novas xornadas. Ademais da do mércores 5, o sector parará os xoves 13, 20 e 27 de xullo.
En canto á terceira xornada de folga en reclamación dun novo convenio colectivo, este martes, volveu pechar a grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación da provincia, segundo valoraron os sindicatos.
Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria de Coruña, fixo unha valoración moi positiva do seguimento do paro na comarca xa que os piquetes atoparon máis empresas pechadas porque houbo aínda máis traballadores/as que secundaron a folga. Así, a empresas nas que xa houbera nas dúas xornadas anteriores un paro total, como Celsa Atlantic, Horta Coslada, Metalúrgica Gallega ou Elaborados Metálicos Emesa, hai que engadir outras do polígono de Bergondo, como Equipos Lagos; Inturasa, Mabesoa ou Russula, entre outras.
Na comarca de Ferrol a folga tamén foi un éxito. Así o valorou o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente, Vidal quen sinalou que, ao igual que nas xornadas anteriores, o paro foi total nas auxiliares do naval e no resto das empresas e concesionarios.
E en Santiago, explicou o secretario da CIG-Industria da comarca, Benedicto Blanco, xa amenceron pechadas todas as grandes empresas, como Castrosua, Kia, Noya Móvil ou Arteal e xunto a elas concesionarios e talleres.
Intermediación do Consello Galego de Relacións Laborais
Os sindicatos reclaman desde hai tempo a sinatura dun novo convenio colectivo, pois o actual leva caducado desde decembro de 2014. As negociacións contan nos últimos días coa intermediación do Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que polo momento non se produciu ningún acordo.
O secretario comarcal da CIG en Santiago, Pepe Maio, considera positivo que a patronal se aviñera a entrar a tratar algúns temas, como os referidos a ETTs, revisión salarial e algún outro, aínda que cre que as ofertas que houbo sobre estas cuestións “son totalmente insuficientes”, sobre todo porque “cuestións como a da subrogación ou a das auxiliares de Navantia seguen vetadas e para nós son esenciais”.
Pola súa parte, o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, destaca a importancia da cuestión da industria auxiliar -“da que non queren nin falar”, dixo- pola súa especial relevancia na comarca de Ferrol. Lembrou que nos picos de traballo hai máis traballadores das auxiliares afectados que fóra e asegurou que por iso, “para nós é básico, para que as empresas da comarca e as empresas galegas en particular poidan competir en igualdade de condicións respecto das de fóra. É o único que temos para poder obrigar a Navantia a cumprir as condicións: que figure todo no convenio”.