Os sindicatos reclaman a renovación do convenio colectivo
Os sindicatos, satisfeitos polo seguimento na primeira xornada de folga do sector do metal da Coruña
Os sindicatos CIG, UGT-FICA e CCOO fixeron unha valoración moi positiva do seguimento da primeira xornada de folga convocada nos centros de traballo rexidos polo convenio de siderometal, que regula as condicións laborais duns 18.000 traballadores en toda a provincia da Coruña.
A convocatoria de folga prodúcese como consecuencia do bloqueo das negociacións do convenio colectivo, tras 18 reunións, e do fracaso da mediación do AGA proposta pola patronal. O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, lembra que as condicións de traballo de 18 000 persoas dependen deste convenio, cos soldos «conxelados» desde hai tres anos. Desde CCOO, UGT e CIG critican que a patronal se negue a incluír no convenio aspectos como a subrogación do persoal, a articulación de mecanismos de fiscalización do labor das mutuas no tocante ao control da seguridade laboral dos traballadores, así como acordos sectoriais no convenio como o das auxiliares de Navantia. As organizacións sindicais tamén esixen unha cláusula de revisión salarial que garanta o poder adquisitivo por riba do IPC, a activación dos pluses de antigüidade e xefatura de equipo, un maior control sobre as ETT e chegar a unha porcentaxe mínima de contratos indefinidos do 60 %.
No que se refire ao primeiro dos paros convocados, o deste xoves, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoan Xosé Bouzas, valorou como “un éxito” o seguimento, que nos polígonos e empresas con representación sindical foi de practicamente o 100%, ao igual que na grande empresa de maquinaria pesada, taller e reparación. “Nas empresas nas que non hai representación sindical o seguimento foi máis desigual e naquelas nas que os empresarios vulneraron o dereito á folga ameazando con medidas represivas foi a propia patronal a que non permitiu aos traballadores exercer o seu dereito a parar”. En todo caso, concluíu que tivo “un seguimento masivo” e engadiu que "se a patronal non se avén a negociar estes puntos a folga continuará nos próximos días”. De feito, está previsto repetir os paros os días 27 de xuño, 4 e 5 de xullo.
Seguimento en Santiago, A Coruña e Ferrolterra
O secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, tamén valorou moi positivamente a folga en Compostela. Ás seis da mañá xa había un piquete en Castrosua, onde parou o 100%, ao igual que as empresas do polígono do Tambre, apuntaba o sindicato.
Mentres, na ca comarca de Ferrolterra, a CIG-Industria valoraba a folga como "altamente positiva", á vista da multitudinaria manifestación que percorreu ás rúas de Ferrol baixo a consigna "convenio do metal, solución". Unha marcha á que se sumaron os traballadores e traballadoras de Navantia. Mais a valoración positiva vén tamén por canto as empresas auxiliares do naval (Windar, Nervión, Tubacer, Acciona, Ferrovial, Elinco, Indasa, Soamar, Gabadi, Electro Rayma, Siasa, Bulbo, Serfrimec, etc.) e as de enxeñería secundaron a folga ao 100%. Neste senso, non hai que esquecer que unha das reivindicacións para este convenio é incorporar os acordos asinados para as auxiliares do naval no propio articulado do convenio.
De "rotundo éxito" tamén foi cualificado o seguimento da folga do metal na comarca da Coruña, onde os traballadores levaron as súas reivindicacións cunha numerosa concentración ás portas da sede da patronal. Como se agardaba, a incidencia do paro foi practicamente total nas empresas con maior volume de traballadores e produción.