Danse de marxe ata mediados de mes para chegar a un acordo
Os sindicatos do Metal da Coruña aceptan a mediación do AGA pero non paralizarán as mobilizacións
As federacións do Metal da CIG, CCOO e UGT acordaron este luns aceptar a mediación do AGA (Consello Galego de Relacións Laborais) solicitada por parte da patronal do sector da provincia da Coruña, aínda que precisaron que non paralizarán as súas mobilizacións.
Neste sentido, o portavoz dos traballadores na mesa de negociación e responsable de CIG-Industria, Pepe Maio, asegura que “estamos dispostos a sentarnos no Consello Galego de Relacións Laborais, como estivemos dispostos até o de agora a participar en calquera reunión á que se nos convocou e como lle temos trasladado recentemente a patronal, porque queremos que a mesa de negociación do convenio continúe cos seus traballos e haxa avances reais”.
Con todo, os representantes sindiciais acordaron fixar unha data tope de duración desa mediación que iría até mediados de xuño. Deste xeito, se a día 14 deste mes non se acadara un acordo rexistrarían a convocatoria de folga en todo o sector na provincia da Coruña, prevista para a terceira e cuarta semana de xuño.
En todo caso, Maio matiza que “ao que non estamos dispostos é a que se utilice o AGA para neutralizar a nosa capacidade de presión por parte dunha patronal que até o de agora non mostrou disposición algunha a chegar a acordos”. A isto engade que, a patronal “é sabedora de que tras meses agardando pola sinatura do novo convenio e por mor do seu bloqueo constante, tiñamos acordado endurecer as mobilizacións e moito nos tememos que esta chamada xusto agora teña o obxectivo de paralizalas”.
Demandas dos traballadores
Para as organizacións sindicais é fundamental acadar no novo convenio colectivo do sector "vellas reivindicacións como establecer a subrogación para os traballadores de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo". O convenio do sector do Metal da provincia da Coruña leva caducado desde decembro de 2014