Reivindicarán un "convenio xusto
Máis de 18.000 traballadores do metal da Coruña están chamados á folga este xoves
Este xoves 22 de xuño, máis de 18.000 traballadores do sector do metal da provincia da Coruña están chamados a secundar unha xornada de folga, convocada por UGT-FICA, CCOO e CIG, para demandar un convenio xusto tras dous anos de negociación.
Esta será a primeira xornada á que lle seguirán outras o día 27 de xuño e os días 4 e 5 de xullo, se non chega antes un acordo na negociación do convenio.
Dende UGT-FICA indican que "xa van 18 reunións entre sindicatos e patronal e esta última non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas polos sindicatos", ademais de querer "eliminar dereitos xa adquiridos como a revisión salarial ou afondar aínda máis na distribución irregular da xornada".
Pola contra, os traballadores consideran que urxe a mellora dos salarios, establecer a subrogación no sector, trasladar os acordos á industria auxiliar do naval, regular as gardas localizadas fóra de xornada, mellorar as licenzas retribuídas, limitar a utilización das ETT`s e non aumentar nin desregularizar aínda máis a distribución da xornada irregular.
O sindicato anuncia que despregará piquetes informativos nas comarcas de Compostela, Ferrol e A Coruña. Asemade haberá dúas manifestacións en Santiago (que partirá do polígono do Tambre en Santiago ás 12:30 h) e Ferrol (partindo da porta de Navantia ás 11:45 horas) e unha concentración na Coruña fronte á sede da Confederación de Empresarios ás 12 horas.