Proxecto EIXO, incluído no Plan de Emprego Local
A Deputación da Coruña pon en marcha un programa de formación e prácticas para menores de 30 anos
A Deputación da Coruña porá en marcha un programa de formación e prácticas para persoas menores de 30 anos dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Este proxecto, que vén de ser aprobado polo Fondo Social Europeo, ten coma obxectivo principal incrementar a inserción laboral da mocidade coruñesa, aumentando a súa capacitación nos sectores con máis demanda de profesionais cualificados.
O proxecto, denominado Estratexia de Inserción Xove ou EIXO, desenvólvese dentro do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, un plan estratéxico que recolle baixo un mesmo paraugas todos os recursos e actuacións destinados a fomentar á creación de emprego no sector público e privado, cun investimento de 30 millóns de euros para o período 2016-2019.
O proxecto EIXO ofrecerá nove itinerarios distintos que, ademais da formación profesional e prácticas específicas de cada sector, contarán con módulos transversais de sensibilización á igualdade, tecnoloxías da información e da comunicación, redes sociais e inglés profesional.
Ademais, porase a disposición dos participantes dispositivos de orientación, formación e inserción. Neste sentido, cada persoa participante será apoiada e orientada coa finalidade de atopar oportunidades laborais adaptadas á súa formación e obxectivos profesionais.
Opcións formativas
Dentro do proxecto, haberá dous itinerarios de formación e prácticas en actividades auxiliares de almacén, cun total de 30 prazas e 522 horas.
Así mesmo, desenvolveranse outras dúas edicións dun itinerario de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, que contarán con 15 prazas en cada un e un total de 452 horas, 40 delas de prácticas profesionais.
Tamén se ofrecerán dúas edicións de formación para a obtención do carnet e o certificado profesional para o transporte de mercancías por estrada. Neste caso, o número de horas será 320.
Doutra banda, haberá un itinerario de coordinación de servizos de socorrismo en instalacións e espazos naturais acuáticas, con prazas para 15 persoas e unha duración de 1.070 horas.
No eido da informática e as telecomunicacións, no itinerario de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web formaranse a 15 profesionais, que realizarán un programa formativo de 845 horas, incluíndo 80 horas de prácticas profesionais en empresas.
Por último, o proxecto EIXO contará tamén cun itinerario específico de 760 horas de prácticas profesionais en sectores emerxentes.
Tódalas formacións serán acreditables e homologadas, e contará cunha bolsa para cada participante de arredor de 2 euros por cada hora, co obxectivo de fomentar a participación e a permanencia nos cursos.