Prevese que estean dispoñibles no mes de maio

854 pemes, autónomos e emprendedores da Coruña optan ás axudas do Plan de Emprego da Deputación

Un total de 854 pemes, autonómos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás liñas de axuda PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE, incluídas no Plan de Emprego (PEL) da Deputación da Coruña.

854 pemes, autónomos e emprendedores da Coruña optan ás axudas do Plan de Emprego da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña na presentación das axudas do Plan de Emprego.
O deputado de Promoción Económica e Emprego e o presidente da Deputación da Coruña na presentación das axudas do Plan de Emprego para pemes e emprendedores.

En concreto, 623 empresas da provincia presentáronse á convocatoria do PEL-PEMES, que subvencionará ata o 75% dos custos salariais das novas contratacións en empresas ubicadas nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, mentres que 231 emprendedores e emprendedoras da provincia concorren na liña PEL-EMPRENDE, destinada a mozos e mozas de entre 25 e 25 anos para impulsar os seus negocios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, deu a coñecer estes datos durante a primeira reunión do xurado do I Premio provincial á mellor iniciativa empresarial, ao que concorren 70 empresas. González Formoso mostrouse satisfeito co "éxito da convocatoria, cunha gran acollida entre as empresas e os emprendedores da provincia que superou as nosas expectativas e que nos obriga a pensar na posibilidade de incrementar aínda máis a dotación económica do Plan de Emprego nas vindeiras edicións do programa". Segundo o presidente da Administración provincial, o elevado número de solicitudes rexistradas nesta primeira edición do programa permitirá esgotar a totalidade dos fondos destinados ao PEL en 2017 e "cumprir con creces os obxectivos plantexados polo goberno provincial tanto na creación de emprego como no apoio a emprendedores".

O PEL naceu en 2016 como "unha aposta estratéxica do goberno provincial para fomentar a creación de emprego no sector público e privado" e supuxo "multiplicar por seis o investimento que a Deputación da Coruña viña realizando nesta materia" e que prevé alcanzar a cifra récord de 30 millóns de euros durante o presente mandato para facilitar a creación de 3.000 postos de traballo directos, segundo explicou González Formoso.

O Plan de Emprego da Deputación conta con tres liñas fundamentais destinadas a fomentar o emprego en concellos, pemes e a impulsar proxectos emprendedores.

PEL-CONCELLOS

A primeira delas, o PEL-CONCELLOS conta este ano cun orzamento de 3 millóns de euros que se destinan á contratación de persoal nos 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Os concellos perciben entre 19.000 e 52.000 euros euros ao ano, en función do número de parados, para facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego. Maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro ou en risco de exclusión social benefícianse especialmente deste programa que o ano pasado permitiu a contratación de 519 persoas.

PEL-PEMES

Este ano, a Deputación da Coruña puxo en marcha por primeira vez un programa de apoio á contratación de persoal destinado aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas da provincia. As axudas da liña PEL-PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros en 2017, están destinadas ás pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia e cubrirán o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluídas as cotas á Seguridade Social, por un período mínimo de un ano. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

Por sectores, destacan polo volume de solicitudes as empresas relacionadas coa hostalería e a restauración, seguidas do comercio e o sector industrial. O sector agrogandeiro conta tamén cun importante volume de solicitudes, especialmente nos concellos máis rurais da provincia.

PEL-EMPRENDE

O programa PEL-EMPRENDE, tamén de nova creación, conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros en 2017, está destinado a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados nos concellos da provincia da Coruña e que promovan iniciativas empresariais e outorgará axudas de ata 20.000 euros para investimentos en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e utillaxe de traballo.

A esta liña concorren un total de 231 iniciativas empresariais da provincia, a maior parte delas pertencentes ao sector servizos e ao comercio. Tamén destacan o número de empresas relacionadas co medio ambiente e a promoción de enerxías renovables e, en menor medida, as de base tecnolóxica.

As comisións técnicas de valoración que decidirán sobre a concesión das axudas dos programas PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE reuniranse durante o vindeiro mes de abril, polo que se prevé que as axudas podan estar dispoñibles en maio, facilitando así a moitos empresarios a contratación de persoal durante a campaña de verán.

854 pemes, autónomos e emprendedores da Coruña optan ás axudas do Plan de Emprego da Deputación