A través de 52 cursos e 26 seminarios
Máis de 2.100 galegos recibiron este curso formación no sector TIC no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
.A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de entregar a 84 alumnos os diplomas correspondentes a cinco cursos que veñen de rematar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), en Santiago.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiron ao acto no que destacaron a aposta da Administración autonómica pola formación no sector TIC para dar resposta ás novas demandas da industria e o comercio galego.
A capacitación dos traballadores nas novas tecnoloxías está integrada nas principais estratexias económicas e de innovación de Galicia como son a Axenda 20 para o Emprego, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 e a Axenda Galicia-Industria 4.0. No Centro de Novas Tecnoloxías formáronse ao longo do curso 2016/2017 máis de 2.100 alumnos a través de 52 cursos e 26 seminarios dirixidos principalmente a persoas ocupadas en empresas TIC.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral lembrou que a oferta formativa do CNTG, que conta cunha inserción laboral media do 60% nas accións dirixidas a desempregados, permite aos alumnos acceder aos exames de certificación oficial con recoñecemento a nivel mundial para acreditar o seu dominio nun determinado produto ou ferramenta tecnolóxica. Actualmente, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é un referente na formación pública de profesionais TIC a nivel galego e estatal.
Os diplomas que se entregaron hoxe corresponden a cinco accións: virtualización e alta dispoñibilidade con Linux LPI3; business analysis; automatización de infraestruturas; desenvolvemento de aplicacións móbiles híbridas; e márketing online-community manager dirixido ao sector comercial. Sobre este último curso, a directora xeral de Comercio destacou que, ademais de incrementar as oportunidades laborais dos participantes, contribúe a mellorar o posicionamento do sector comercial, indicando a importancia de este tipo de cursos nun momento no que neste ámbito demándanse máis capacidades dixitais para ser competitivos.
Marnotes tamén sinalou a importancia de ofrecer unha formación de calidade para incrementar as oportunidades laborais das persoas que buscan un emprego e para actualizar a cualificación das que xa están traballando. Afirmou, así mesmo, a necesidade de adecuar os perfís profesionais ás demandas reais do tecido empresarial a través de cursos como os que se imparten no CNTG en consonancia co novo modelo da Industria 4.0.