Mantense a folga para o 8 de xullo
O comité de Ferroatlántica presenta as súas alegacións á solicitude de segregación e venda
O Comité de Ferroatlántica compareceu en rolda de prensa este venres para dar a coñecer as alegacións ao trámite aberto na Xunta de Galicia por Ferroatlántica solicitando a autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades.
As alegacións, ao igual que o informe técnico-xurídico previo, foron supervisadas polo profesor titular de dereito administrativo da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich, encargado de debullar polo miúdo o contido do documento. No mesmo desmóntanse as teses que a empresa esgrime para xustificar á súa solicitude: a desaparición do interese público e a suposta posta en risco do réxime de interrompibilidade. Xunto a isto, aínda que de xeito indirecto, a empresa tamén insinúa que a cláusula de non segregación resultaría contraria ao principio de liberdade de empresa.
A este respecto, o profesor de dereito matizou que Ferrotlántica non solicita a anulación das cláusulas, senón a revogación parcial da concesión en vigor, "isto é, a supresión da cláusula de non segregación – negando o seu carácter esencial – e o mantemento do título en todo o demais". E solicita revogación, explicou, porque "ao existir sentenza xudicial firme do TSXG avalando a legalidade da cláusula non pode pedir, outra vez, a anulación da mesma".
"É máis, apuntou, fronte ao que se asevera no informe da empresa, a Xunta non ten obriga legal ningunha de acceder á solicitude. Se autoriza esta modificación será por unha decisión política. E, en todo caso, esta decisión política tería consecuencias xurídicas, entre elas, que o grupo Villar Mir non podería manter a concesión dos aproveitamentos e decidir sobre a venda das centrais como se fora o propietario dos ríos".
Ademais, de suprimirse a prohibición de segregar actividades, a Xunta debería achegar unha sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica acceder á petición da empresa, "cando o que está en xogo é o futuro do emprego e da actividade das fábricas da Costa da Morte".
Neste senso, o comité de Ferroatlántica advertía: "levamos moitos meses pelexando porque sabemos que se lle permiten a Ferroatlántica vender as centrais, as fábricas pechan automaticamente, que a ninguén lle quede dúbida".
As alegacións cuestionan os argumentos da empresa
Entrando a analizar os argumentos da empresa, no referido ao suposto cambio de circunstancias e a desaparición do interese público que fundamenta a cláusula de non segregación, Aymerich subliñou que a empresa non achega, na documentación remitida á Xunta, "datos nin evidencias concluíntes" que xustifiquen esta inversión. De feito, por máis que Ferroatlántica llo tente ocultar á Xunta de Galiza, a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento. Tanto é así, que o propio grupo empresarial recoñece na información aos seus accionistas e aos organismos bolsistas, que a venda das centrais impactaría negativamente na continuidade da actividade de fabricación de ferroaliaxes ao incrementar a súa exposición a futuros incrementos dos prezos enerxéticos.
"O interese público que xustificou a inclusión da cláusula de vinculación societaria segue plenamente vixente. E este interese público lexítimo non é outro que o mantemento do emprego e da actividade industrial de ferroaliaxes na Costa da Morte, máis concretamente, nos centros de Cee e Dumbría", asegurou o profesor universitario.
En canto ao argumento do suposto risco que a vinculación de actividades pode supor para que a empresa se beneficie do réxime de interrompibilidade, as alegacións son contundentes: o que verdadeiramente supón un risco "non é a cláusula de vinculación societaria que a empresa quere eliminar – cuestión absolutamente allea á normativa eléctrica pola que se rexe o indicado réxime – senón a deficiente xestión empresarial".
As alegacións do comité repasan tamén as "contradicións nas que cae a empresa ao tentar xustificar a súa operación". Entre outras incongruencias destaca o feito de Ferroatlántica afirmar que a venda se quere facer para obter recursos cos que financiar un plano industrial que asegurará o emprego e a actividade industrial non só na Costa da Morte, mais tamén noutras comarcas de Galiza e mesmo do estado; ao tempo que traslada aos seus accionistas e ás entidades reguladoras como verdadeira causa da venda das centrais, reducir o apalancamento financeiro do grupo e facer fronte á súa avultada débeda. "Semella difícil conxugar ambos obxectivos. E a empresa sábeo: por iso tenta ocultar á Xunta, na súa solicitude e no ditame que a acompaña, calquera referencia á verdadeira finalidade da venda das centrais, isto é, a declarada aos accionistas e aos reguladores. Mais a Xunta debe ter isto en conta".
Folga o día 8 de xullo
Á espera do que aconteza nos próximos días, pois a decisión da Administración galega deberíase coñecer antes de rematar xuño, o próximo 8 de xullo haberá folga nas centrais e fábricas de Ferroatlántica.