O comité de empresa de Ferroatlántica cualifica a reunión con Conde de "insatisfactoria"
O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas definiu como "decepcionante" e "preocupante" a postura defendida polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na xuntanza mantida este martes.
"Saímos do encontro preocupados e insatisfeitos pola resposta da Consellaría, en todo momento esquiva na posición que vai ter para impedir a desvinculación da produción enerxética e de ferroaliaxes que pretende Ferroatlántica", censuran desde o comité de empresa. Afirma o comité "non entender esta actitude esquiva do conselleiro nin a falta de firmeza da Xunta para manifestar publicamente que non autorizará a segregación de actividades, cando as cláusulas das concesións dos aproveitamentos hidroeléctricos son claros e existen sentenzas do TSXG e o Supremo avalan estas condicións".
Neste sentido, os representantes sindicais achegaron á Consellaría de Economía, Emprego e Industria o informe elaborado pola Universidade da Coruña que apunta á ilegalidade de autorizar a desvinculación das actividades, así como documentación que, ao contrario que as afirmacións da empresa, "acredita que as concesións para a explotación dos ríos Xallas e Grande sempre estiveron vinculadas á produción das fábricas, tanto nos anos 50, como no ano 92 ou no 94".
Valoración do plan industrial
Doutra banda, o comité de empresa achegoulle ao conselleiro a súa opinión sobre o plan industrial proposto por Ferroatlántica: "é un plan de desmantelamento, perda de emprego e peche das fábricas", e, malia que foi apoiado en Madrid polos sindicatos, o 72% da representación social dos centros de traballo galegos "nin apoia nin está a favor do mencionado acordo".