Adiantouno o conselleiro de Economía no Parlamento galego
A Xunta aprobará este xoves un novo programa para impulsar o emprego xuvenil
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou no Parlamento que o Consello da Xunta aprobará este xoves un novo paquete de axudas para impulsar o emprego xuvenil que estará dotado de nove millóns de euros.
A iniciativa, segundo explicou o conselleiro, contempla axudas para autónomos e para incentivar a contratación dos menores de 30 anos en empresas e entidades sen ánimo de lucro. Entre os apoios que se activarán, resaltou os incentivos á contratación indefinida con ata 14.000 euros.
Francisco Conde apuntou que esta medida forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está mellorando o mercado laboral galego “con acento na creación de emprego estable e de calidade” e coa que se prevé crear este ano 20.000 novos postos de traballo. Sinalou, ao respecto, a boa evolución do mercado laboral galego coa recuperación de 70.000 empregos desde 2014 e cun 11% máis de activos entre os maiores de 35 que en 2009. Tamén fixo fincapé no aumento do número de ocupados que creceu por riba do paro e nos 27.600 fogares menos con todos os seus membros no paro que no peor momento da crise ou os 57.000 fogares máis con todos os seus activos ocupados, segundo os últimos datos de EPA.
Así mesmo, lembrou a recuperación continuada do PIB en Galicia desde o terceiro trimestre de 2013 e a do emprego desde principios de 2014 ou os 43 meses consecutivos nos que o paro leva descendendo na evolución anual. “Temos unha Galicia en verde que está demostrando que os datos macroeconómicos son positivos”, engadiu.
Para continuar con esta boa evolución, Conde sinalou que as persoas con máis dificultades para atopar un traballo son prioritarias para a Xunta e, por iso, lembrou que contan cun 25% máis de apoio en todos os programas de emprego. Entre os colectivos beneficiarios destacou os mozos e mozas, as familias con todos os seus membros en paro ou as mulleres para as que a Xunta vén de aprobar Emprega en Feminino, un plan dotado con 100 millóns de euros ata 2020 para desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral.