Para o inicio de actividade e a contratación indefinida
Publicadas as axudas para apoiar a actividade dos autónomos
A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedicará 18,2 millóns de euros a apoiar o inicio de actividade dos autónomos e para consolidar o seu traballo con incentivos á contratación indefinida, a través de dúas liñas de axudas que veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.
Por unha banda, establécense apoios de 2.000 euros para axudar ás persoas desempregadas no inicio da súa actividade laboral, unha contía que aumentará nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares con todos os seus membros en paro e no caso de que o centro de traballo estea no rural. Deste xeito, a contía máxima poderá alcanzar os 4.000 euros. Este ano, como novidade, non se esixe un investimento mínimo para poder optar á axuda.
A Xunta financiará as altas na Seguridade Social formalizadas entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.
A Consellería de Economía apoia, doutra parte, a consolidación do traballo autónomo con axudas para a contratación indefinida durante o primeiro ano de actividade. A axuda será de 5.000 euros para a contratación da primeira persoa traballadora e de 6.000 euros para a segunda e terceira. Supón 1.000 euros máis en cada caso con respecto á convocatoria do ano pasado. As contías tamén se incrementarán nun 25% nos supostos mencionados anteriormente. Así, os apoios máximos poderán acadar os 10.000 euros para o primeiro traballador contratado e os 12.000 euros para o segundo ou terceiro.
O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2017 nos dous programas de axudas, aínda que as solicitudes para os incentivos á contratación indefinida para os contratos realizados entre o 1 de outubro de 2016 e hoxe deberán de presentarse no prazo de dous meses, ata o 13 de maio, e os apoios para as contratacións realizadas a partir de hoxe poderán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data na que se inicie a relación laboral. O prazo máximo en todo caso rematará o 30 de setembro deste ano.
Esta convocatoria de axudas forma parte da Estratexia Autónomo 2020 que vén de activar a Xunta cun total de 160 millóns para os próximos catro anos co obxectivo de apoiar de media a máis de 10.000 traballadores cada ano. sporán de toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese. Esta oficina contará co apoio e colaboración da Rede de Técnicos de Emprego da Xunta que dará resposta aos autónomos que soliciten axuda e asesoramento.