Axudas de ata o 35% para investimentos entre 50.000 e 900.000 euros
Ampliado ata o 28 de marzo o prazo para solicitar as axudas do Galicia Inviste
O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a ampliacióin, ata o 28 de marzo de 2018, do prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro do programa Galicia Inviste, que regula a concesión de axudas para apoiar investimentos empresariais.
Mediante esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, concédense apoios que poden cubrir ata o 35% dos investimentos, comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros, na industria manufactureira ou extractiva, de xestión e valorización de residuos, loxística, hostalaría, sector TIC ou servizos técnicos.
Coa ampliación do prazo de presentación de solicitudes, as empresas poderán seguir contando con esta liña de axudas para investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, para modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como para realizar investimentos en obra civil no caso de proxectos xeradores de emprego.
O proxectos con investimentos superiores a 900.000 euros reciben apoio a través do programa de Incentivos Rexionais do Ministerio de Facenda, que tamén se tramita en Galicia a través do Igape.
Este programa de axudas pode complementarse cos novos instrumentos financeiros innovadores (IFIs), activados pola mesma Consellería, co obxectivo de impulsar -mediante préstamos comprendidos entre 50.000 euros e 1 millón de euros- novos investimentos, especialmente os de carácter tecnolóxico ou innovador, no ámbito da chamada industria 4.0.