Cobre ata o 35% de investimentos de entre 50.000 e 900.000 euros
Publicada a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, dotada con 6,3 millóns
O Diario Oficial de Galicia publicou a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, dotada con 6,3 millóns de euros en axudas directas que permitirá mobilizar investimentos dunhas 150 empresas por importe de 44 millóns de euros.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederá a través desta liña de axudas apoios que poden cubrir ata o 35% dos investimentos comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros na industria manufactureira ou extractiva, de xestión e valorización de residuos, loxística, hostalaría, sector TIC ou servizos técnicos. Co apoio desta nova convocatoria, as empresas poderán investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como realizar investimentos en obra civil no caso de proxectos xeradores de emprego.
O proxectos con investimentos superiores a 900.000 euros reciben apoio a través do programa de Incentivos Rexionais do Ministerio de Facenda, que tamén se tramita en Galicia a través do Igape. Durante os últimos 15 meses, prazo no que estivo aberta á presentación de solicitudes a anterior convocatoria do programa Galicia Inviste, aprobáronse a través destes dous programas complementarios 55 proxectos de grandes investimentos en Galicia que mobilizan máis de 30 millóns de euros en compañías que empregan a preto de 2.000 traballadores.
Estes programas de axudas directas compleméntanse -recordan desde a Consellería- co programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos de autónomos, emprendedores ou pemes de recente creación, e cos instrumentos de financiamento do Programa Galicia 1.000, que prevé apoiar a 3.000 empresas este ano.