Dotados con 33 millóns de euros
Aberto o prazo de solicitude dos novos instrumentos financeiros innovadores da Xunta
A Xunta acaba de publicar no DOG o novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIS), dotado con 33 millóns de euros, achegados nun 80% por fondos FEDER, destinados a cofinanciar proxectos desenvolvidos no ámbito da Industria 4.0, iniciativas impulsadas por novos emprendedores e proxectos innovadores.
Os préstamos, que poden ir desde 50.000 euros ata un millón, contarán con prazos de amortización de entre 7 e 12 anos, e incluirán unha subvención para rebaixar os custos financeiros, polo que os xuros a pagar polos beneficiarios poderían quedar no 0%.
A liña dirixida á Industria 4.0 apoiará especialmente investimentos centrados no denominado novo modelo industrial. Os importes dos préstamos poderán ir desde 65.000 euros ata un millón, para cubrir ata o 65% dos investimentos en novos centros produtivos, ampliacións de capacidade ou liñas de fabricación de novos produtos. Terán prioridade proxectos que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a Industria 4.0: robotización, fabricación aditiva, sensórica, sistemas cíber-físicos, automatización, conectividade, vehículos autónomos, dixitalización, big data ou Loxística 4.0.
A segunda tipoloxía de préstamos está destinada a sociedades mercantís constituídas maioritariamente por novos emprendedores e cunha antigüidade máxima de 42 meses. O importe dos préstamos, que financiarán ata o 50% dos activos fixos e capital circulante necesario para a posta en marcha de novos negocios, poderá oscilar neste caso entre os 50.000 e os 200.000 euros. Terán prioridade tamén modelos de negocio novidosos e proxectos vinculados aos obxectos da Axenda Industria 4.0 e á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).
A través da terceira liña de financiamento concederanse préstamos comprendidos entre 50.000 e 500.000 euros para financiar investimentos innovadores de pemes, especialmente de base tecnolóxica, startups, e tamén empresas de traxectoria contrastada que deciden impulsar proxectos innovadores. Os proxectos deberán estar aliñados coas prioridades e obxectivos da RIS3.
Estes novos instrumentos de financiamento ás pemes articúlanse como unha fórmula para completar o labor das entidades financeiras e atender necesidades de financiamento postas de manifesto na avaliación previa levada a cabo polo Igape, de acordo co previsto na normativa comunitaria que regula os fondos europeos no marco 2014-2020. Un dos obxectivos dos instrumentos financeiros innovadores é conseguir que o financiamento das entidades financeiras privadas cubra entre o 25 e o 40% dos investimentos apoiados.
A través deste programa a Xunta prevé movilizar 60 millóns de euros en investimentos das pemes galegas en máis de 100 proxectos.
O prazo de presentación de solicitudes a estas liñas de financiamento permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2018.