Dentro do proxecto "SmartPeme"
A Deputación de Pontevedra organiza en Cambados unha xornada sobre a transformación dixital do sector vitivinícola
A Deputación de Pontevedra levará a Cambados este martes 4 de abril unha xornada do proxecto "SmartPeme" centrada na transformación dixital do sector vitivinícola.
A través desta xornada preténdese afondar sobre as novas tecnoloxías aplicadas ao sector vitivinícola como ferramentas clave para poder facer fronte aos novos retos. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mencionou a importancia "das novas tecnoloxías e das redes sociais para obter maior eficacia e eficiencia, así como impulsar a internacionalización e acadar máis beneficios e presenza nun sector que ten unha enorme potencialidade na nosa provincia". Amais, Silva engadiu que "o sector vitivinícola das Rías Baixas é un dos máis potentes da nosa comunidade, cun volume de exportación que supón o 81% do total das exportacións de viño galego, polo que cómpre seguir incorporar estas novas ferramentas tecnolóxicas para pasar desta aposta pola calidade á excelencia de todas e cada unhas das nosas adegas".
Baixo o paraugas do proxecto "SmartPeme", a xornada constará de dúas mesas redondas. A primeira delas abordará a xestión dos viñedos e bodegas mediante o emprego de novas tecnoloxías (a transformación dixital) e, a segunda, centrarase nas novas vías e tendencias de comercialización do viño a través de Internet. En cada unha das mesas redondas haberá catro persoas invitadas e unha moderadora. As persoas invitadas terán cinco minutos para falar das súas empresas e proxectos e, ao remate, abrirase un coloquio.
A xornada de "SmartPeme", aberta a todas as persoas interesadas, comezará ás 16:30 horas no Centro ExpoSalnés, e a ela asistirán a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.