Este mércores 5 de abril, en Vigo
A Xunta informa ao sector da automoción dos servizos do programa ReAcciona TIC
A Xunta organiza este mércores 5 de abril unha xornada para facilitarlles ás empresas do sector da automoción información detallada sobre as posibilidades que poden achegarlles os investimentos e solucións da Industria 4.0, que aposta pola dixitalización e a optimización dos procesos.
O encontro desenvolverase a partir das 10 horas nas instalacións do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), no marco do programa ReAcciona TIC.
O Igape e a Amtega veñen de activar a segunda convocatoria do ano 2017 para a solicitude dos servizos deste programa, centrado na mellora da competitividade e no fomento da transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos tecnolóxicos e de Industria 4.0, e que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de maio. Coa finalidade de dar a coñecer as vantaxes que esta iniciativa pode achegarlles ás pemes, ambas entidades están desenvolvendo un ciclo de xornadas sectoriais que comezou cunha centrada na dixitalización do turismo, o pasado 15 de marzo, e que segue coa focalizada na automoción.
A xornada do programa ReAcciona TIC sobre o sector da automoción incluirá un relatorio marco a cargo dun responsable da empresa Precisgal, e unha experiencia narrada por directivos dunha empresa beneficiaria do programa ReAcciona, Grupo Abreu. Logo destes dous relatorios, procederase á presentación dos servizos do programa ReAcciona TIC para o fomento da economía dixital e a incorporación de solución 4.0 nas pemes. O evento pecharase cunha rolda de preguntas e unha sesión de networking para os empresarios asistentes asistentes.
As xornadas sectoriais sobre o programa ReAcciona TIC, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos en empresas de calquera sector. As inscricións realízanse no correo electrónico [email protected] ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).