O curso celebrarase o vindeiro 26 de abril
A Cámara de Santiago informa ao sector da hostalería sobre as novidades lexislativas dos alérxenos alimentarios
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela programou para o 26 de abril un curso de manipulador de alimentos e alérxenos alimentarios.
O curso, que se celebrará en horario de 10 a 14 horas, estará impartido polo veterinario especialista en seguridade alimentaria e saúde pública, responsable técnico da empresa Bioambiental control sanitario de alimentos, Cipriano Pozas.
O obxecto da formación é sensibilizar ao traballador do sector da hostalería da importancia da súa actividade con respecto dos perigos alimentarios, respetar e protexer a saúde dos consumidores mediante unha manipulación coidadosa dos alimentos e o cumprimento da lexislación sobre seguridade alimentaria. Ademais, fomentarase entre os alumnos hábitos correctos de hixiene durante o traballo e recibirán nocións sobre a problemática da presenza de alérxenos en alimentos. Finalmente recibirán un certificado de formación.
Cipriano Pozas explica que a seguridade alimentaria é unha obriga lexislativa para as empresas, que deben cumprir un conxunto de normas e recomendacións establecidas que son as chamadas "boas prácticas", esixidas tamén por parte dos consumidores. Dentro destas prácticas correctas, o experto sinala que o traballador debe respectar as medidas de hixiene que se corresponden cos hábitos, costumes e comportamentos persoais, como son non fumar nin comer, manter unha indumentaria axeitada ou lavar as mans. En canto á fabricación ou manipulación dos alimentos, considera que se deben manter as temperaturas correctas, orde e limpeza, cumprir cos procesos de desconxelación, indentificación e etiquetado de cada produto e evitar a contaminación cruzada.
Ademais, Cipriano Pozas informará aos traballadores dos principais alérxenos presentes nos alimentos, en que tipo de alimentos se acostuman atopar, como se poden evitar ou informar aos clientes segundo o tipo de establecemento (bar, restaurante ou servizo de catering). Sinalará tamén a lexislación que deben cumprir os establecementos e as posibles consecuencias para o consumidor e a empresa en caso de incumprimento.