Aplicacións destinadas a monitorizar as explotacións gandeiras e avícolas
As solucións tecnolóxicas de Sinergia G6 sorprenden en FIGAN
A empresa galega Sinergia G6 presentou os seus novos produtos en Figan, a Feira de Produción Animal de Zaragoza, mostrando a eficiencia que achega á innovación tecnolóxica dentro do sector primario.
A oferta tecnolóxica de Sinergia G6 sorprendeu aos directivos responsables das principais empresas nacionais do sector avícola presentes na feira FIGAN, que se celebrou do 28 ao 31 de marzo. Así, sentaron as bases para o seu desenvolvemento comercial entre as devanditas compañías. Un dos logros de Sinergia G6 nesta feira foi asinar acordos de distribución exclusiva con compañías líderes do sector nacional e outras multinacionais da mesma área.
Roberto Goñi Petit, director xeral da compañía, destacou que a presenza nesta feira “nos permitiu afianzar relacións comerciais cos nosos actuais clientes realizando demostracións in situ”. Estes produtos punteiros en innovación tecnolóxica “achegan eficiencia produtiva, cumprimento normativo e benestar animal”.
Especializados inicialmente en avicultura, un dos seus puntos fortes é o portal web FarmsCloud, que permite a monitoraxe integral en tempo real das explotacións gandeiras. Goñi Petit destaca que “FarmsCloud é o único portal do mercado a nivel mundial que permite centralizar o control de todas as explotacións dunha integradora e a sensorización ambiental de amoníaco, dióxido de carbono, temperatura e humidade relativa”. Ademais, tamén permite examinar a produción, os silos de alimento, o consumo de auga e o control de peso; achegando adicionalmente un sistema de alerta externo aos granxeiros e veterinarios.
Por outra banda, Sinergia G6 presentou o seu produto TruckAirCheckSW como novidade mundial para a monitoraxe en tempo real do transporte de polos dun día da incubadora á explotación avícola. Este produto de alto valor engadido permite controlar en tempo real o proceso crítico de transporte e tomar decisións para incrementar a produtividade e benestar animal. Son variables críticas para a consecución dos máximos índices de conversión.
Seguindo os preceptos do big data e intelixencia artificial, Sinergia G6 pretende desenvolver o granxeiro virtual como resultado dunha investigación de dous anos xunto á Universidade de Vigo e a Universitat Autònoma de Barcelona. Manuel Portela González, director técnico de Sinergia G6, explica que “creamos un sistema baseado na sensorización e procesamento de datos co obxectivo de supervisar as explotacións en tempo real as 24 horas do día, cunha eficacia equivalente ao control similar que ofrece un operario con máis de 15 anos de experiencia”.