O anuncio de peche de Alcoa revela a "urxente" neceisdade desta tarifa
A CIG propón a creación dunha tarifa eléctrica para as empresas con grandes consumos
A CIG vai propor ao Goberno español, á Xunta e á patronal a creación dunha tarifa industrial estable, con variacións predicibles, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos.
Para o sindicato, o anuncio do peche da fábrica de Alcoa na Coruña, revela "a urxente e inaprazábel necesidade" de contarmos cunha regulación "máis xusta e equitativa" que rache "coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base".
A CIG vén traballando na elaboración desta proposta de xeito conxunto cos delegados nas industrias electrointensivas dende hai meses, e ten iniciado unha campaña informativa e institucional para defender a súa posta en marcha inmediata. De feito, o texto da proposta xa foi trasladado á patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE).
No documento a central propón liberar as estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, tales como as primas ás renovables, os custos extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustible nuclear ou o déficit tarifario, a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Porén, os custes das peaxes non abonadas polas industrias non serían asumidos polo resto de consumidores, senón que irían a cargo dos orzamentos xerais do Estado.
Compromisos das industrias
Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, a central sindical defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario teñan a obriga "de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo". Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, "que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual".
Doutra banda, e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a CIG defende que habería que retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custos recoñecidos aprobados a proposta da CNMC. Hai que lembrar o mercado eléctrico español diario é un sistema marxinalista no que todas as fontes de enerxías -con independencia do custo de produción- cobran o mesmo prezo, que vén marcado pola última enerxía que entra na poxa e que consegue casar a oferta e a demanda.
Un sector estratéxico para Galicia
Salientan desde a CIG que o sector enerxético é estratéxico para a Comunidade, "tanto polo que representa no PIB como por ser un factor relevante para a produción industrial". Porén, e a pesar de producir e exportar enerxía eléctrica, Galiza soporta os custos sociais e ambientais desta actividade, mais non pode favorecer os prezos ás industrias afincadas no país.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, recorda que "hai tres anos, a CIG levou ao Parlamento unha iniciativa para establecer unha tarifa propia para Galiza que permitira abaratar o custe da electricidade para as industrias e os fogares. A Xunta de Feijoo rexeitou a nosa proposta, cualificándoa de separatista, e reconverteu a ILP nunha lei pola eficiencia enerxética. Curiosamente, por esas datas, o Goberno de Mariano Rajoy aprobaba unha tarifa industrial diferenciada para Euskadi, que agora o PSOE mellorou, e que suporá un aforro de 120 millóns de euros para as empresas vascas".