Presenta un escrito coas súas demandas aos gobernos central e galego
A CIG defende un novo marco regulador da enerxía para a industria galega
Delegados da CIG-Industria concentráronse este luns fronte á Delegación do Goberno da Coruña, en demanda dun novo marco regulador da enerxía para a industria galega.
O sindicato amosa con esta protesta o seu rexeitamento ao sistema de poxa de interrompibilidade, ao tempo que reclama a aprobación dunha nova regulación "máis xusta e equitativa" e que se cree unha tarifa industrial "que favoreza o normal desenvolvemento e a planificación das industrias con grandes consumos de enerxía como Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic ou Megasa".
A protesta coincide co inicio da poxa eléctrica para o ano 2018 que, a diferenza de anos anteriores, terá un período de vixencia de tan só cinco meses (do 1 de xaneiro ao 31 de maio), incrementando,en opinión da CIG, "as incertezas que marcan cada proceso dende que en 2013 o goberno español establecera un novo sistema para regular o servizo de xestión da demanda da interrompibilidade".
Neste senso,o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, amosou a súa sorpresa pola aparente tranquilidade coa que as empresas afrontan esta poxa "o que pode ser indicativo de que o goberno xa ten pactado con algunhas compañías cal vai ser a solución a posteriori". Bouzas Aboi lembrou que o actual procedemento de poxa pode provocar "que haxa empresas que queden sen magavatios para poder producir, levándoas a unha situación de total incerteza". Para evitar isto, dende a CIG demándase unha nova regulación e a creación dunha tarifa industrial estable, á que se podan acoller as industrias grandes consumidoras baixo o cumprimento dunha serie de requisitos. "E así llo trasladamos ao presidente do Goberno español e ao residente da Xunta no escrito que acabamos de rexistrar na propia Delegación", sinalou.
Tarifa eléctrica galega
Bouzas Aboi engadiu que este novo marco regulador podería vir da man da creación da tarifa eléctrica galega, que partiría dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, seguindo o camiño de Euskadi onde xa contan cunha tarifa industrial máis baixa, que significa un aforro estimado nuns 50 millóns de euros/ano.
A este respecto, Bouzas Aboi salientou que poder contármonos cunha tarifa propia beneficiaría o conxunto dos sectores produtivos galegos, que reducirían significativamente os custos en enerxía e polo tanto incrementarían a súa marxe de beneficios, "ao tempo que isto suporía un aliciente mesmo para a instalación de novas industriais e favorecer así o noso desenvolvemento económico".