O crédito é o protagonista do convenio
Abanca renova o seu acordo coa Asociación de Empresarios de San Cibrao para impulsar o crédito
A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao e Abanca veñen de renovar o seu convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a creación de novos proxectos empresariais e a mellora competitiva dos actuais.
O presidente da asociación, José Elías Mera, e o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra, rubricaron na sede da asociación no polígono de San Cibrao un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial ourensán.
O convenio incide na liña de traballo conxunto posta en marcha polas dúas entidades nos últimos anos, no que o crédito é o protagonista. Os asociados deste polo de innovación e emprendemento ourensán poderán acceder ás múltiples propostas de financiamento que activa a entidade financeira. Entre eles, destacan os produtos pensados para iniciar melloras como os préstamos persoais e hipotecarios o leasing mobiliario. Para facer fronte aos pagos habituais, os empresarios poderán contar con pólizas de crédito, anticipos sen xuros ou sen comisións, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.
O texto tamén contempla liñas especiais de financiamento incluídas no Plan Activamos para impulsar o emprendemento e os novos investimentos, así como a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética das empresas ou atender necesidades de circulante. Tamén poderán beneficiarse das liñas de financiamento oficial de ICO e Igape, ou acollerse aos convenios que Abanca mantén coa sociedade de garantía recíproca Sogarpo.
Ademais, o documento asinado pon a disposición dos empresarios do polígono de San Cibrao a comercialización de produtos específicos da entidade, entre os que destaca o servizo de financiamento no punto de venda, APLAZOS, nas súas dúas modalidades: con Terminal Punto de Venda (TPV) no establecemento ou sen TPV (a través da web). Os profesionais pertencentes a esta asociación tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV.