Iniciativa da Consellería de Economía e da Federación Galega de Comercio
70 comercios galegos recibirán axuda para a xestión das súas redes sociais
Seis xestores de redes sociais prestarán servizo a preto de 70 negocios galegos seleccionados no marco do programa de social commerce que desenvolven a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Federación Galega de Comercio.
Este programa, que se pon en marcha dentro do convenio de colaboración entre ambas entidades, diríxese fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.
Con esta iniciativa, achégase ademais unha oportunidade laboral a seis mozos e mozas desempregados que previamente se formaron nun curso de márketing online-community manager dirixido ao sector comercial impartido pola Xunta no Centro das Novas Tecnoloxías de Galicia.
Os comercios foron seleccionados a través da convocatoria de axudas para a modernización do comercio galego, que se enmarca no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.