A convocatoria está aberta ata o 11 de setembro
Conde informa aos comerciantes lucenses das novas axudas á expansión comercial e dixital
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo este xoves un encontro con representantes do sector do comercio Lugo aos que lles deu a coñecer, en detalle, as novas axudas á expansión comercial e dixital.
O acto enmárcase nun calendario de reunións que se levarán a cabo en todas as provincias co obxectivo de explicar, de primeira man, os detalles desta nova convocatoria. Estes apoios pretenden impulsar máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego a través dun investimento de 2 millóns de euros, acompañando, deste xeito, aos comerciantes en novas iniciativas que axuden a mellorar a competitividade dun sector que emprega a máis de 170.000 galegos.
O programa, destinado a pemes que veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos, conta con tres modalidades diferentes. Os proxectos de expansión comercial contarán con axudas de ata 30.000 euros para a apertura de novos establecementos. A actuación poderá basearse no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial que xa estaba en marcha, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou en novas tendencias de consumo, e deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.
Por outra parte, concederanse axudas de ata 3.500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura por un prazo máximo de dous meses dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para testar un mercado ou un proxecto comercial innovador.
Ademais, os comerciantes poderán acceder a apoios de ata 1.080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e titorización dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de expansión.
Francisco Conde animou aos comerciantes a participar nesta convocatoria e informou de que o prazo para os interesados estará aberto ata o vindeiro 11 de setembro.
Incremento de vendas
O conselleiro aproveitou o encontro para felicitar aos comerciantes polo seu esforzo e polos resultados que se están a producir, xa que o incremento nun 4,9% das vendas en xuño, con respecto ao mesmo mes de 2016, sitúan á Comunidade como a segunda que máis medra, superando en máis de dous puntos a media nacional. Mentres que a ocupación no sector medrou nun 2,6%.