Ata o 8 de xullo
Últimos días para inscribirse no Pont-Up Store
O vindeiro 8 de xullo pecha o prazo para inscribirse na quinta edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store que se celebrará os días 20, 21 e 22 de setembro en Pontevedra.
Afundación, a Obra Social de Abanca, colabora xunto a máis de 35 entidades públicas e privadas con este proxecto liderado polo Campus CREA de Pontevedra da Universidade de Vigo. O obxectivo é crear un ecosistema de apoio ao emprendemento e converterse así no punto de encontro das mellores iniciativas empresariais. Nesta edición, o Pont-Up Store reivindica o «talento transformador» como enerxía xeradora de cambios e presenta un programa baseado na tecnoloxía, a gamificación e o desenvolvemento de competencias dixitais.
As iniciativas seleccionadas polo comité organizador poderán participar en diferentes modalidades. Destaca o Puntazo Exprés no que 10 empresas deberán explicar en 5 minutos o seu proxecto a cinco importantes executivas de grandes empresas e entidades: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo, presidenta da Sociedad Española de Inmunología e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de FUNDAMAR; Lucía Gregoria, adxunta á dirección de REDEGAL; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú Producciones.
Os participantes tamén poderán presentar as súas iniciativas nunha das 33 casetas gratuítas dispoñibles, así como propoñer actividades de dinamización dentro do programa do evento.