Celébrase no mes de setembro
A cuarta edición de Pont-Up Store dará a coñecer a 53 novas empresas
Ata o 9 de xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar no Pont-Up Store, a feira de emprendemento que promove a Universidade de Vigo co patrocinio do Concello de Pontevedra.
A cuarta edición de Pont-Up Store celebrarase entre o 21 e o 23 de setembro mantendo o obxectivo de axudar aos emprendedores a dar visibilidade aos seus produtos e servizos e incrementar a cultura emprendedora entre os pontevedreses. Serán 53 as novas empresas, con menos de tres anos e medio de antigüidade, as que poderán darse a coñecer no recinto que se instalará na Praza de España e nas súas diferentes actividades.
Concretamente, o Pont-Up Store disporá de 33 stands nos que os emprendedores poderán “visualizar e testar os seus produtos” os días 22 e 23 de setembro, como explicaba o seu director, o profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación Pedro Figueroa. A estes súmase a posibilidade de dinamizar dez das actividades que se levarán a cabo no recinto e outras dez prazas para participar no Puntazo Exprés, no que os emprendedores “poderán expoñer en cinco minutos os seus proxectos ante representantes de empresas relevantes de Galicia”.
Figueroa presentou a cuarta edición desta feira do emprendemento acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, pola concelleira de Promoción de Pontevedra, Anabel Gulías, e polo deputado provincial Carlos López Font. O profesor lembrou que en 2016 foron un total de 139 as solicitudes presentadas para participar nesta feira, cifra que agardan superar na presente edición. Corbacho, pola súa banda, puxo de relevo tanto a consolidación como a “capacidade de renovación e adaptación” dun evento que “foi crecendo en paralelo ao proxecto de especialización do campus” e que ademais dunha “ampla lista de colaboradores”, conta tamén co “apoio interno” tanto das facultades de CCSS e da Comunicación e Belas Artes, como do Consello Social e da agrupación estratéxica Ecobas.
Un evento que é tamén unha “actividade de transferencia, que busca trasladar o espírito emprendedor á sociedade”, engadiu o vicerreitor, que lembrou que no presente ano os Premios Incuvi-Emprende da Universidade contaron con dez candidaturas impulsadas polo alumnado do campus, “o que demostra que os nosos estudantes estanse contaxiando deste espírito emprendedor”. Gulías, pola súa banda, definiu o Pont-Up Store como un “evento prioritario para o Concello”, que “aproveita os espazos públicos para amosar o potencial creativo" de Galicia, mentres que López Font puxo de relevo a importancia de fomentar “a cultura do emprendemento”.