Xunta e EOI tutelarán 16 proxectos emprendedores
O CIS Madeira será sede dun espazo coworking centrado no sector forestal
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou durante un almorzo con membros de AJE Ourense, que o CIS Madeira será a sede dun novo coworking impulsado pola Xunta e a Escuela de Organización Industrial e centrado no sector forestal.
En palabras de Conde, o CIS Madeira será o motor para impulsar novos proxectos neste ámbito no que os empresarios máis novos xogarán tamén un papel decisivo. En xullo lanzarase a primeira convocatoria co obxectivo de que en setembro arranque a aceleradora con 16 proxectos seleccionados que a Administración autonómica tutelará. O conselleiro sinalou que esta actuación enmárcase no obxectivo do Goberno galego de impulsar a industrialización deste sector a través da Axencia Galega da Industria Forestal.
Esta iniciativa formará parte da Rede Galega de Aceleradoras coa que a Xunta está impulsando o talento e coa que se levan mobilizado 14 millóns en catro anos. Destacou que a nova aceleradora do CIS Madeira se suma aos outros seis espazos coworking que a Xunta organiza en colaboración coa EOI en diversos concellos galegos.
Neste almorzo de traballo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tivo a ocasión de escoitar de primeira man as principais demandas do tecido empresarial ourensán. Asemade, o conselleiro gabou o importante labor de asesoramento da Asociación de Xoves Empresarios de Ourense ás novas xeracións de empresarios, destacando a importancia de manter sempre aberta unha canle de diálogo entre o tecido empresarial e a Administración.
10 proxectos en Agrobiotech
Ademais, puxo en valor os mecanismos do Goberno galego para apoiar o emprendemento, o talento, a creación de solo industrial e a transformación tecnolóxica a través das TIC. En particular, anunciou que 10 proxectos, dos que dous pertencen á provincia ourensá, participarán na segunda edición de Agrobiotech, aceleradora que ten unha das súas sedes principais no Parque Tecnolóxico de Galicia e busca apoiar ás pemes innovadoras galegas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa. Por sectores de actividade, a metade son empresas biotecnolóxicas; un 40% da industria agroalimentaria e o 10% restante son solicitudes a pemes do ámbito da biomasa.